NIN POBRES NIN RICOS
Hai un dito popular moi estendido afirmando que no mundo sempre houbo ricos e pobres. Pero o sorprendente está en que o aceptamos como se necesariamente tivera que ser sempre así, dando por feito que se trata de algo inevitable. E non está tan claro que os pobres e os ricos non poidan intercambiarse. Todos sabemos que hai algúns pobres que chegaron a ser ricos e tamén ricos que deixaron de selo. Non é logo algo imposible de cambiar. O quid estaría en como conseguilo. A finais do s. XIX o dereito civil recolle a denominación de “pobres de solemnidade” para aqueles cidadáns acredores dos beneficios que o Estado debe dispor para atendelos. De querer facer algo parecido co que os ricos amontoan, conseguiríase ir polo bo camiño. Pero o que o Estado non controla como debería é a riqueza dos ricos. A riqueza debería medirse en contraposición á pobreza buscando unha sociedade máis igualitaria. Non hai moitos días lía eu un traballiño titulado “España, un Estado bipolar”. Nel viña contraposto o número de pobres ao de ricos. A sociedade bipolar é aquela na que ao mesmo tempo unha parte malgasta sen ton nin son e a outra malvive padecendo carencias do necesario. E non se chega a esta situación por unha fatalidade senón porque así é a forma de gobernar que veñen mantendo os partidos políticos. O neoliberalismo que só ten azos para amontoar poder e diñeiro. Neste momento temos en España case trece millóns de persoas, preto da terceira parte, non só en risco de pobreza senón ademais de caeren na exclusión social. Porque estes pobres están impedidos de participar na vida social ordinaria. Carecen de medios. E os cidadáns non reaccionamos ante as inxustizas e a corrupción. Así é que continúan malvivindo con algo que poden apañar para comer. Mentres, o Goberno continúa máis atento e preocupado por resolver as dificultades dos bancos, como temos visto, que as das familias ás non chega ingreso algún. Os expertos apuntan a que a causa do aumento das desigualdades está nos míseros salarios da maioría dos traballadores que non alcanzan a cubrir as necesidades familiares. Pero, o Goberno deféndese botándolle as culpas a globalización económica, dicindo que o capital escapa para os países con baixos salarios. Mentres, Bruxelas –cega e xorda– pídelle aos Gobernos que moderen os salarios e o PP vai e aplícalle a receita aos que gañan menos.
