LEALDADES
Aúltima película de George Clooney, como director-actor (nesta condición dubido que haxa ninguén hoxe coas súas dotes interpretivas, cando fala, cando mantén en silencio ese sorriso tan chamativo) é un avespeiro, un niño de avésporas onde a ambición política (do partido demócrata americano) leva todo por diante, con actitudes arraianas na deslealdade cando non na treizón máis escandalosa.
Eis o título do filme, “Los idus de marzo”, lembrando –se cadra– aquel aviso a César, antes de ser asesinado polos próximos a el, entre os que se atopaba seu fillo adoptivo Brutus, de que tivese coidado cos idus de marzo. En puridade unha data romana, 15 de marzo, que non falaba senón de bos agoiros. Non é o caso da película de Clooney, que transcorre nas primarias de Ohio, arredores de marzo, cunha tropa humana de moito (des)nivel. Mais na que sobrancea un nachiño, Paul, director da campaña do candidato Morris (George Clooney) que se en algo acredita é na lealdade.
Ese don tan pouco doado de atopar nos tempos que corren, en Ohio ou na nosa cidade, onde hai quen che crava un puñal no lombo, figuradamente, “of course”, cando non máis te viraras para recoller unha flor que entregar a quen coidabas teu amigo. Algo así este filme, con becarias, inevitable a lembranza de Clinton, entorno moi turbo, e escepticismo a moreas diante desa caste que se chama política. Un moi bo filme con Clooney en estado de graza. Si.
