Mal negocio
OGoberno impón o seu “decretazo” ao Congreso coa modificación de 29 diferentes leis, colando entre elas a creación dun ficheiro especial para o rexistro do paro ente a mocidade, demandante de emprego, eliminando esta función ao Servizo Público de Emprego, e xa que logo evitando que esta conte na estatística oficial do desemprego.
Mala noticia. Pola contra, nace Precarity and Youth, PAY, un proxecto internacional que busca debater e reflexionar sobre qué Europa precisa a xuventude. Boa nova.
O nivel de paro entre a mocidade española ofrece cifras de dramatismo sen parangón, situándose á cabeza dos países europeos coa máis alta taxa. Para alén diso, a situación é máis grave si consideramos que unha de cada seis persoas menores de vinte e cinco anos, forma parte dese maldito colectivo chamado os “ni-nis”; e dicir, que nin estudan nin traballan.
O caso é que nun oitenta por cento, demandan e buscan activamente emprego, sen sorte no empeño. Contando coa mellor formación académica nunca acadada na historia pasada, esta desesperada situación crea unha perda de oportunidade, no só para eles no persoal, se non que é un auténtico desaproveitamento dos recursos económicos públicos que ven como escapa polo sumidoiro todo o investido arredor dunha xeración que xa se considera perdida.
Desencantados coa perspectiva do seu futuro no é de estrañar que asistamos a máis grande onda emigratoria desde a década dos cincuenta. Nin así.
Realmente, a taxa de desemprego é unha variable política, e non tanto unha variable económica. A súa principal causa son as políticas públicas que van orientadas precisamente a este fin, o desemprego.
O seu obxectivo é reducir o poder do mundo do traballo e, con elo, baixar os salarios, a protección social e aumentar o tempo de xornada por traballador. Os poderes queren que continúen as reformas por ese camiño. Coa rebaixa de salarios pérdese demanda que provoca decrecemento económico, e máis paro. É o círculo vicioso da economía, o camiño ao desastre.
Porén con políticas de pleno emprego e salarios máis altos, estimularíase a demanda, produciríase un crecemento económico, con máis necesidade de produción que traería máis emprego. Deste xeito o círculo vicioso mudaría a círculo virtuoso.
Que non se produza así é resultado do contexto político. A pugna entre o mundo do capital e o do traballo. O primeiro vai gañando a partida, o segundo perdendo. Mal negocio.
