Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Falo dende o retiro. Descoñezo as razóns exactas polas que o portaavións foi dado de baixa na lista oficial de buques da Armada. Non podo deixar de pensar en todas esas instalacións que tantos miles de horas de traballo custou erguer hai máis de vintecinco anos e que van agora ser obxecto dun despezamento salvaxe: Turbinas de Gas, motores, equipos de aire condicionado, ascensores, plantas frigoríficas, eixes, hélices, estabilizadores, engrenaxes, miles de válvulas, centos de bombas (centrifugas, rotativas, hidráulicas) e un longo etc. de equipos en perfecto estado de funcionamento aos que aínda lles quedan moitas horas de servizo. Polo que eu sei abondan cen millóns de euros para modernizalo. Pensándoo ben, non son tantos cartos se con eles, ademais de parar o despezamento, se da traballo a unha Navantia tan necesitada de contratos. Outra solución máis doada sería convertelo en museo flotante en Ferrol ou mesmo na Coruña, coas vantaxes que tería de reclamo turístico e outras importantes actividades e prácticas de ensino que se poderían levar cabo nas súas instalacións.
Segundo o xornal, un español acabase de converter no terceiro home máis rico do mundo. Fálase dunha fortuna de preto de 50.000 millóns de euros que converten en moeda miúda os 100 millóns que precisa o portaavións. No meu soño, este señor financiaba os traballos salvando do soprete o buque máis emblemático da Armada Española que en agradecemento o nomeaba Almirante Honorario.
Cando espertei seguín matinando no soñado e non vin a cousa tan disparatada. Este home tamén coñecido pola súa xenerosidade, Cáritas, Proxecto Home, becas a estudantes, etc. así o testemuñan, ben podería botar unha man financiando as obras dando asemade traballo a moita xente.
Eu ben sei que meu soño é unha utopía e aínda un pouco insolente. Non sei se este señor chegará a ler estas liñas pero en calquera caso prégolle desculpe o meu atrevemento que só é froito da busca apaixonada dunha solución para salvar ao P/A “Príncipe de Asturias” de tan doloroso final.