Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

UN PULO Á DESIGUALDADE E Á DEPENDENCIA

O aumento do comercio de bens e servizos entre países, tanto pode axudar ao desenvolvemento como alentar a dependencia e a desigualdade, segundo sexan os obxectivos. Daquela que, malia o medre do comercio exterior ser o máis alto da historia, o crecemento do PIB hoxe no mundo é inferior ao da década dos sesenta do século pasado, en pleno auxe dos procesos de liberación nacional e das políticas que apostaban por un desenvolvemento autocentrado.
E asemade, as desigualdades entre clases sociais e entre países non deixan de aumentar, en beneficio das grandes corporacións, fortunas, e potencias imperialistas. É así porque o mundo chegou a certos limites, nos que o aumento do consumo e do lucro dependen en exclusiva dunha maior explotación da man de obra e da simple imposición dos Estados máis fortes.
Neste contexto debemos entender os tratados de libre comercio (TLC), tanto o que negociou a Unión Europea con Canadá (CETA), como o que se está a redactar con Estados Unidos (TTIP), ou o que se debate entre dúas ducias de países en materia de servizos (TISA). A finalidade de todos eles é rebaixar a cero os aranceis, favorecendo os países e corporacións líderes no sector, en boa medida polo seu tamaño, mais tamén garantir os investimentos das corporacións dándolles unha situación de privilexio respecto dos estados, e da soberanía popular.
Asemade, os TLCs van condicionar as normativas á máis baixa dos países afectados (o mínimo común denominador) en materia laboral, medioambiental e sobre a calidade dos produtos, e outorgarlle mecanismos xurídicos internacionais privados diante dos que poderían reclamar (a cláusula ISDS).
O goberno do estado español apostou polos TLCs xa que garanten os investimentos exteriores das grandes empresas do crédito, enerxía e telecomunicacións.
Agora ben, estes tratados esmagan os países máis débiles, tanto por capacidade produtiva como por poder político (por exemplo Galiza) así como as pequenas empresas que carecen de capacidade para competir coas grandes corporacións. Claro que sempre haberá quen saia ben parado, e aqueles que fagan da excepción un exemplo.