Futuro e presente
Semella que hai algunha diferenza entre as inquietudes da xente do común de antes, e as de agora. Por exemplo, antes falábase dun futuro que prometía “Patria, xustiza e pan”; agora, xa non se fala dun futuro, senón que se pide un presente con “Pan, traballo e teito”. Aquela promesa de futuro só se cumpriu para uns poucos, mentres que a maioría perdeu o futuro e atópase agora nun presente no que xa non pide Patria, porque esa pertence aos que gañaron o futuro e non agardan xustiza, porque a xustiza impártena os mesmos. Agora pídese algo tan sinxelo como traballo, que haber haino de sobra, non hai máis que ollar os montes e os campos; e teito e pan, que serían doados de acadar se o traballo fose acompañado dun salario decente. Lembro o comentario dun manifestante que ante os gritos de pan ,traballo e teito dixo: “Que me dean traballo, que do pan e do teito xa me encargarei eu”. ¡Que tristeza, ter que pedir traballo nunha Galicia na que hai tanto que facer! Non si?
