Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

O Goberno pretende presentar como un éxito da súa política que se comece a xerar emprego neto, como se a destrución de postos de traballo se puidese manter indefinidamente. Agora ben,  obvia a análise sobre se esta tendencia vaise consolidar e cales son as condicións laborais das novas contratacións. En relación ao primeiro, son moitas as interrogantes, porque aínda que medrou o consumo interno, a costa do endebedamento das familias e a diminución do aforro, as exportacións non dan avanzado abondo para se converter na locomotora da economía. Asemade os novos acordos de libre comercio aumentarán a competencia, polo que máis unha vez, premerán sobre as condicións laborais, as prestacións públicas, e a regresión fiscal, para manter os lucros empresariais, que é o que lles preocupa.
No referente ao segundo aspecto, as relacións laborais, cómpre dicir que ademais da caída dos salarios, o aumento da xornada laboral real e dos ritmos de traballo, tamén medrou a precariedade, tanto porque creceu a porcentaxe de contratos a tempo parcial, como porque teñen unha duración máis breve. Por esta razón aumentan as afiliacións por riba do crecemento do PIB, e baixa máis rapidamente o desemprego. Neste último caso, se lle suma a emigración da mocidade e o retorno de inmigrantes, aínda que non na Galiza, onde o número de inmigrantes seguiu aumentando durante a crise, malia a regresión demográfica.
En resumo, o aumento do emprego, que é un dato positivo, ten pés de barro e faise a costa de recuar o nivel de vida das clases populares. Un retroceso que continuará, tendo en consideración os novos acordos de libre comercio e investimento entre Estados Unidos e a UE, entre outros. Pretender que está é a solución, como afirma o PP, porque xera emprego, malia que sexa en condicións tan precarias e de explotación, agocha a servidume aos intereses do gran capital. A única solución real é apostar por un modelo económico e social distinto, que permita unha redistribución do traballo e da riqueza producida, tanto entre clases como entre territorios, e que sexa sustentábel e autocentrado.