Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A Xunta, contra o galego

Opresidente Feijóo e o conselleiro Vázquez veñen de desaproveitar unha excelente oportunidade para restaurar o consenso lingüístico optando polo continuismo na súa política de exclusión do galego no ensino infantil e de minorización nas demáis fases do ensino obrigatorio.

Máis aínda, ao recorrer perante o Tribunal Supremo as sentenzas do TSXG que declararon ilegais a consulta sobre a lingua de preferencia aos país e nais do ensino infantil e máis o dereito dos alunos a usar da lingua da súa escolla nas materias que se han impartir en galego, a Xunta minusvalora o Tribunal Superior de Xustiza como última instancia xudicial na aplicación do Dereito galego e convida ao Tribunal Supremo para que interprete de xeito restritivo o “status” que á lingua galega lle recoñecen o noso Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.

Deste xeito, o Goberno galego, que deriva a súa lexitimidade da cualidade nacional que emana do noso Estatuto de Autonomía (e que reside nos caracteres da nosa diferenza, entre eles a lingua) recorre de xeito insólito perante o Tribunal Supremo para tentar acadar unha sentenza que limite esa mesma cualidade nacional, ao limitar o rol do galego como lingua oficial no ensino. E, no mesmo lote, cuestiona o papel do TSXG como instancia que esgota os recursos nas cuestións de Dereito galego, entre elas o estatuto da nosa lingua. O mundo do revés.

O peor é que esta actitude, ao principiar a segunda lexislatura do Partido Popular con maioría absoluta, remata por voar todas as pontes posíbeis para restablecermos o pacto social en materia lingüística.

Porque sitúa ao Partido Popular, de xeito permanente e dificilmente revogábel, fronte a todos os sectores da cidadanía galega que aspiran á plena igualdade real do galego e o castelán e que tentan que os mozos e as mozas galegos non rematen o ensino obrigatorio sendo funcionalmente analfabetos na súa lingua nacional.