DIGNIDADE
Segundo o noso dicionario, dignidade é unha cualidade moral que infunde respecto. A día de hoxe estanse a producir no país unha serie de movementos de tipo social, tendentes a recuperar a dignidade da poboación, tanto de xeito individual como colectivo. Entendo eu que, de xeito xeral, todos somos posuidores desa cualidade moral que debe infundir respecto aos demais. E xa que logo, a pregunta é: Como e cando perdemos esa dignidade? Evidentemente, cando perdemos a cualidade moral; mais tamén a perderemos se, quen tería que nos respectar, non nos respecta. Esa parece ser a causa de que haxa que recuperar unha dignidade que foi roubada polos que manexan a economía e que non respectan os dereitos dos cidadáns, recortándoos ou suprimíndoos, levándose decote a dignidade das persoas, que se ven acosadas por situacións inxustas, tendo que mendigar un posto de traballo que lles permita acadar o pan e o teito para a familia. E quen di que traballar é un dereito?
