Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Con Marcos Ana na encrucillada

Coincidiron dous pasamentos estes últimos días: o de Rita Barberá e o de Marcos Ana, ambos con diferente tratamento mediático como era de esperar. Rita Barberá ocupou minutos e minutos nas televisións e moitas páxinas na prensa escrita, namentres que Marcos Ana pasou con máis discreción polos medios de comunicación.  Isto non me estrañou, pero o que me chamou a atención foi o ataque directo que algúns medios  da chamada “caverna mediática” e personaxes afíns lanzaron contra a figura de Marcos Ana dicindo entre outras cousas que : “morrera un asasino” dando unha serie de datos por verídicos que a min, dito sexa de paso e sen ánimo de ofender a ninguén, parécenme pouco fiables dada a maneira tramposa  con que se producían as detencións e o feixe de mentiras que se engadían a aquelas parodias de atestados e xuízos perante a guerra e  a inmediata posguerra.  Non son historiador nin pescudador, pero teño as miñas dúbidas.
A primeira é  o que din algúns xornais da dereita militante e seareiros   respecto a que  Marcos Ana foi un asasino que cometeu os seus máis execrables actos á idade de 16 anos, sendo aínda un neno, o cal visto así, semella inverosímil pois un neno de 16 anos dificilmente pode actuar coma xefe dunha partida ou milicia e decidir a quen mata ou a quen non. Ademais as testemuñas daquelas atrocidades que se lle imputan tamén poden estar manipuladas porque exemplos hai dabondo.  
Vostedes cren que naquel tempo calquera que cometera o que se lle imputa a Marcos Ana podería vivir para contalo? Eu penso que inmediatamente sería posto, sen máis consideracións, sen xuízo algún, fronte ao pelotón de fusilamento con 16, 15 ou 14 anos, tanto tiña.  
En Granada vin unha lápida conmemorativa na que figuraban nenas fusiladas aos 14 anos. Estes non se andaban con miramentos nin reparaban no infanticidio. Vou poñer outro exemplo  da impunidade baseada no oprobio e mentiras cun feito significativo acontecido na miña vila. 
Había un médico chamado Eduardo Sánchez Fraga que foi detido e acusado, reparen ben nisto, de ser un espía ao servizo de Rusia, que tiña na súa casa unha emisora dende a que impartía comunicados e información a Moscova e que no momento do alzamento militar tiña previsto poñer unha bomba na ponte de Obaño para impedir o paso das forzas militares acuarteladas no Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro. Foi levado ao buque Plus Ultra ( prisión flotante), ancorado na ría e aos poucos días desembarcado, levado ao cemiterio e fusilado. 
Se un repara nos motivos deste impúdico asasinato se preguntará que diaños lle importaría a Moscova o que acontecía en Mugardos? Onde estaba esa carga explosiva para voar a ponte de Obaño?  Testemuñas artificiais e mentireiras.  Dicíano e facíase crible porque si.  
Como ao final todo se sabe, sóubose que aquilo se debeu a intrigas, envexas e, por suposto, tamén ao seu ideario político como  á maioría  dos 75 fusilados ata 1939 e os 16 ata o 1954  nesta pequena vila. No contexto duns xuízos  de pantomima nos que os bedeis se permitían a broma macabra de dicir: “que pase a viúva do acusado!”, vostedes cren que  Marcos Ana podería saír con vida? Eu sinceramente creo que non.