Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Fala Xosé María Dobarro en fermosa columna de certa cativa da Galicia interior chamada Andrea que non soamente fala galego senón que conserva palabras antergas, como ese “estrebillar”, referido a facer trasnadas, no seu caso á avoa, que dá titulo á nova sección dobarriana neste xornal que tanto vou querer sempre.

E eu ao ler o artigo do Profesore, fermoso, xa digo, e el ben sabe –lástima fora– que as miñas loanzas nunca son baratas, din en pensar no senso que ten o verbo estrebillar en Baños de Molga, localidade ourensá onde naceu Moncho Borrajo, ese xenial humorista, a quen vin no 92 encher o vello Jofre de tal maneira que aquilo semellaba o “Titanic” a piques do naufraxio. E foi precisamente o Moncho quen me falou de estrebillar como verbo indicativo de recuncar no acto amoroso. O que me parece fantástico. O verbo e a posibilidade de semellante proeza. En chegando a certas idades como a que, por certo, temos o Profe e máis eu, separadas as nosas datas de nacemento por un par de semanas.

E como que o Dobarro e servidor, que diría o lembrado Manuel María, coxeamos do mesmo pé, desde aquela pubertade ergueita e gloriosa (alzadamente teimuda) eu quero recoller o convite que nos fai ao remate da súa columna, que prometo ler cada venres, cantando con ledicia manifesta ese coro que di: “¡Estrebillemos! ¡Estrebillemos!” Ou fagamos por estrebillar ao menos, meu caro e dilecto amigo, Xosé María Dobarro, do Ferrol Vello.