Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

POLÍTICOS E PRIVILEXIOS

Aclase política ten mala sona neste país e polo que se ve, se oe e escribe acotío, tena ben merecida. Falo dos de dereitas e dos de esquerdas, dos corruptos non falo porque estes, os de ambas bandas, son delincuentes aos que hai que aplicar todo o peso da lei, sen atenuantes e, por suposto, sen fianzas, ¿ou é que ten sentido que un delincuente convicto e confeso pague, para evitar o cárcere, unha fianza millonaria, como está a pasar, cos cartos que roubou? Hai cousa dun mes falaba un xornal dos emolumentos dalgúns persoeiros deste país, con fotografía incluída. Tratábase de expresidentes, banqueiros e políticos en activo. As cifras son de escándalo e iso que non falaban das bicocas inherentes ao cargo. Na fotografía todos sorrían, ¡madía leva!

Os políticos teñen que ser os primeiros en dar exemplo de austeridade e de solidariedade

Que alguén, home ou muller, reciba estes cartos nun país con cinco millóns de parados é inmoral, por máis voltas que lle deamos. Por moi rendible que sexa a súa xestión, por moi ben que desenrole o seu traballo e por moitas horas que lle dedique, non hai home nin muller acredor de tal tsunami de cartos. ¿Como pode esta mesma xente esixirnos sacrificios e enchernos de trabucos, sen que lles caia a cara de vergonza? Estes son os mesmos que, nun acto de exaltación democrática, menten cando fan declaración de bens. ¿Como é posible que un home, ou unha muller, que acada tantos cartos, declare un piso hipotecado, un coche de 12 anos e catro cadelas no banco como todo patrimonio? Á algúns dan gañas de mandarlles unha esmola.

Nesta grave situación que estamos a vivir, os políticos teñen que ser os primeiros en dar exemplo de austeridade e de solidariedade, reducindo o seu número, abonda coa metade, rebaixándose os soldos e renunciando a dietas, xubilacións anticipadas, tarxetas Visa, teléfonos móbiles, viaxes e outros privilexios. Aos que queden, hai asemade que regularlles as súas actuacións e esixirlles responsabilidades. Os que non estean de acordo, que busquen traballo, ¡a ver como lles vai aí fóra!