OS CRAVOS DA GALEGUÍA OU DA LUSOFONÍA
Seiscentos e vintenove kilómetros de ida e outros tantos de volta. De Ferrol Terra a Lisboa. Os mesmos case que hai de Ferrol Terra a Madrí. Mentres moreas de galegos gozan co Heroican Training, actividade esportiva que consiste en correr, superar diferentes probas deseñadas coma mover cordas, carregar sacos... estes dous homes non saben do Gladiator Race nin do heroican Team do Monte do Gozo. Tampouco van vender cravos cultivados no terceiro mundo para ningunha outra revolución fanada. Van porque os reclama unha comisión do ministerio de agricultura da Asembleia da República de Portugal para debater e fazer propostas para ver de rematar coa lacra dos incendios forestais. Ningún deles vai ser nova nos medios de comunicación. Un magoante silenzo ao que xa estamos afeitos, percorrerá as ondas de radio e televisión. Noentanto ningún deles ten afán de protagonismo.
O seu guieiro é Galiza. A terra galega, a supervivencia das fragas, do bosco autóctono. A sobrevivencia do rural. O dereito a existir como povo!. Ambolosdous son corredores de fondo. Anos há que loitan coa paciencia e firmedume de a formiga no carreiro do Zeca Afonso, esa formiga que sempre viña en sentido contrario ou diferente. A formiga que atinaba e teimaba ou que atinaba na súa teima obrigándonos a mudar de rumbo. Ambolosdous son fillos do povo e para o povo. Sangue anterga que non cruzou nin unha vegada o Leteo! Activistas sociais incansaveis. Ninguén sabe de certo de onde é que tiran dos azos para termar cada día, para bater cada día contra o cansazo e a frieza dos máis.
Para tentar a unidade do bos e xenerosos perante a patria indefensa. Poderían ter viaxado a Madrí para se reunir co Ministerio de Agricultura de un presidente pontevedrés que ninguén sabe de que leucocitos vén sendo o seu sangue coagulado. Poderían ter viaxado a Compostela, a unha comisión semellante á portuguesa, mais da consellería do rural. Ou incluso poderían viaxar en calidade de representantes de base cunha comisión galega da Xunta que artellara un plano conxunto de política forestal coordinado con Portugal. Sen ter que pagar todo das súas costas. Ao fin, a lingua é a patria de un!. Común a patria, común a loita ambos.
Mais iso endexamais ocorrerá mentres os populares ocupen o poder. Hai intereses dabondo para que iso non suceda. Hai minas de andalucita que planean sobor do Fontardión. Hai monocultivos de eucaliptos debedores de Ence. Hai parques naturais como o das Fragas do Eume, o Xurés ou o monte Pindo...que non renden en mans do povo e cobízano hai tempo as empresas privadas. As fragas do Eume, o mellor bosco atlántico da Europa precisa de tantos heroican training!.
Hai tres anos que Feijóo prometía un plan de conservación e usos. Dende o ano 97 que o fixeron parque natural co aquel que somentes levaba a fraga no apelido, sofreu o esquecemento máis absoluto. A eucaliptización non fixo máis que avanzar tralo silenzo institucional. Logo veu o lume de hai tres anos que deu pé a que os cidadáns se fixesen cárrego e crearan a plataforma pola defensa das fragas do Eume. Todos feitos surrealistas nun país normal. Tristemente realistas, e non dun realismo máxico ao García Márquez, na nosa Terra!. Tampouco hai que ver intencionalidade en todos os lumes. Non importa que aparezan vinte focos en terreos montesíos, en cavorcos inaccesiveis a pé.
Gladiator Race, o que preside e persegue pode que non saiba que existen estas fragas. É un home do sur que non andou moito por Galiza, agás en iates. E o río Eume non adoita receber iates de luxo augas arriba!. Se o presidente coñecera as fragas ao mellor o río lle voltaría o anel de San Rosendo, o salmón céltico da sabedoría. Pode que ignore a existencia desta masa arbórea, pois para os governantes actuais populares calquera parte do territorio é igual de importante, dá igual un vertedoiro de lixo ca un petroglifo de Campo Lameiro, un tixolo de praia ca o dolme de Pedra da Arca. Eles mesmos manisféstano así, publicamente, sen remorso algún.
Dicía Aline Frazão, a cantora angolana, que deberiamos empregar o termo Galeguía no canto de Lusofonía para nos referir ás comunidades que partillamos a lingua de Eça de Queiróz, Camoens, Pessoa, Pedraio, Rosalía, Castelao, Pepetela... porque a galeguía non ten o fedor do colonialismo que carrega a lusofonía. Eu diría tamén porque Portugal e a súa lingua é, ao fin, filla da nazón galega, condado dela, nun tempo en que Galiza era o reino máis forte a se bater cos árabes do sul!. Estes son os robustos ecos das sonorosas cordas das harpas de Breogán. Abrir a conciencia de galegos e portugueses ao común pasado roubado nos documentos. Agochado nos libros de historia de aveludados eruditos de casino de provincias alleadas. Dar ao prelo as fontes documentais espalladas e segredas. Pescudar no pasado para afrontar o futuro. Un futuro que pasa por forza pola galeguía, polos seiscentos e vintenove kilómetros que arredan Ferrol Terra de Lisboa. Un futuro común que comparte a ollada atlántica, as terras do Colón de Poio que bateu nas portas da súa patria para pedir de se financiar. De Brasil e Cabo Verde, de Madeira e das Açores, de Guinea e Moçambique. E por que non, tamén de Macao.
Somos un mundo de Galeguía a armar unha nova revolución que erga cravos nos fusís e plante boscos de biodiversidade! Hai un mundo que nos agardar aí achegado, axiña tiremos o veo. O veo que nos fiaron como a Isis para que non nos recoñeceramos alén-miño. É hora de nos desvelar. De espertar dese sono pondaliano. Un mundo de posibilidades entre irmáns de lingua e corazón. Un mundo do que xa falaba Castelao e Paz Andrade, Carvalho Calero e Guerra da Cal. Alén, moi alén das murchas chairas de Castela e o seu caroso imperio. Até que esas chairas aprendan a nos falar en pé de igualdade. De nazón a nazón. Da nosa man está deixar de ser unha colonia para medrar en nós mesmos, con orgullo de noso. Porque os dereitos tómanse, non se dan. Arríncanse, non se mendigan, que dicía o guerrilleiro.
Soñaba Saramago en A jangada de pedra cunha Iberia que arredara da Europa polos Pirineos e marchaba á deriva alén-mar. Xa que houber feitos premonitorios, osmabanse milagres abondos que anunciaban a navegación da jangada seguindo as crenzas céltico-atlánticas das barcas de pedra dos mortos cara a Illa do Eterno Renacer.
