Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Onte, cando escribín estas liñas, foi, todo o día, vintecinco de abril. Cumpríanse, pois, corenta e uns anos do 25 de Abril por excelencia, do día en que as Forzas Armadas portuguesas, os “Capitães de Abril”, saíron á rúa para poñerlle fin ó Estado Novo, aquel réxime autoritario, autócrata e corporativista, instaurado en 1933. Isto é, poñer o punto e final a 41 anos de ditadura salazarista, aquela situación á que, ironicamente, se refería o poeta, músico e cantautor Luís Cilia e que tantas veces temos escoitado e cantado. “É sempre a mesma melodia/Salazar e a sua democracia”, estribillo ou refrán que, en 1970, após a morte do ditador, cambiou para: “Era sempre a mesma melodia/Salazar e a sua democracia./Com Caetano é a mesma porcaria/as moscas mudam/só a merda não varia”. Non sei por que, pero a min o das moscas e o da porcaría resúltame familiar. A vostedes non lles di algo? Acabo de escribir, aí acima, que se cumprían anos non que se celebraban. Porque, ó longo destas catro décadas transcorridas, que foi quedando daquela marabillosa e apaixonante historia que asombrou o mundo enteiro? De non lles botar auga, de non abonalos, de deixalos á boa ventura os cravos foron murchando até esmorecer case de todo. Nada, agás a morte, é totalmente imposible, mais moito me temo que volverlles a vida ós cravos vermellos non vai ser nada doado. A día de hoxe, e con grande dor de corazón, non me queda outra que celebrar mentalmente pouco máis que  o recordo feliz do que puido e non chegou a ser. Porque fóra da memoria, que algo é, case nada é o que queda de todo aquilo, que chegou coa alegría musical do “Grândola, Vila Morena”, do inesquecible José Afonso, a canción escollida polo Movimento das Forzas Armadas como segundo e definitivo sinal de aviso para o inicio da revolución. Ás 0.20 horas, recén comezado o día 25, Radio Renascença comezou a emitir: “Grândola, vila morena/Terra da fraternidade/O povo é quem mais ordena/Dentro de ti, ó cidade”...Todo moi bonito, agás as dificultades de pór en orde as ideas dos implicados na operación para construír un novo país que apareceron desde o minuto cero da caída da ditadura. A revolución iniciárase en clave musical, e moitas músicas, de xentes que xa, tanto desde dentro como desde o exilio, participaran activamente no pulso contra o réxime ditatorial, nos foron dando claves de por onde se movían as cousas. “O grande capital /Está vivo em Portugal /E quem não o combate /É que dele faz parte”, dicía Sérgio Godinho, poeta, músico, actor, cantautor, nunha súa canción, “O Grande Capital”, do LP À Queima Roupa, editado no mes de outubro do propio ano 1974, e cinco anos máis tarde, nas “Quatro quadras soltas”, do LP Campolide, creo que era moi clariño cando reflectía unha situación moi afastada do “soño” revolucionario: “(Ó i ó ai) Nós queremos é justiça/(Ó i ó ai) E dinheiro para o bife/(Ó i ó ai) E não esta cóboiada/Em que tudo é tudo do xerife”. Ó mesmo vinilo longa duración pertece a canción “Liberdade”, onde fala do camelo, dese mesmo engano ó que nos veñen sometendo anos e anos os nosos gobernantes. Unha cousa son as palabras e outra os feitos, unha cousa é falar de liberdade e outra entender que esta é real: “Só há liberdade a sério quando houver/A paz, o pão/habitação/saúde, educação/Só há liberdade a sério quando houver/Liberdade de mudar e decidir/quando pertencer ao povo o que o povo produzir”. En verdade, alguén pode ter a cara tan dura para afirmar que o que hai vintecinco anos dicía Godinho se cumpre entre nós? Que lonxe estamos diso! Hoxe Portugal está puco menos que fóra do mundo, como se non existise, agás para lle pagar sistematicamente o que non ten ós ladróns que a esa situación o levaron. Faría  apostas forte. Alguén, así de repente, a bote pronto, podería darme o nome dun intelectual portugués internacionalmente recoñecido? Unha soa rara avis?