COMO SAÍR DESTA
O outro día asistín á presentación dun libro de Xosé Luís Gómez que leva o suxestivo título de “Como salir de esta”, sendo esta a tan traída e levada crises que tanto nos atribula e que, segundo como van as cousas, semella que non ten visos de solución a curto nin a medio prazo. Xosé Luís Gómez é un periodista avezado en temas económicos pois dende 1987 a 1995 foi xefe de Economía e coordinador do suplemento de Economía e Finanzas da “Voz”, polo tanto unha idem autorizada para falar deste tema no que, polo miúdo, saen a relucir datos de macro economía que, aos non iniciados na materia como é o meu caso, sóannos a algo moi arrevesado, difícil de dixerir. Si interesante foi a disertación do autor, non o foi menos o dialogo que seguiu á presentación, no que se baixou ao nivel do cidadán de a pe que é, somos, os que máis directamente padecemos as consecuencias deste desfase mestura de tomadura de pelo e latrocinio no que se converteu esta crises para a maioría da xente. Comentaba eu que a véspera de entrar o euro en acción, un café custábanos unhas oitenta pesetas: pois ben, xusto ao día seguinte pasou a custar 1 euro (166 pts) e a partires de aí, todo para arriba e os salarios estancados. Dixéronnos que a solución estaba en Europa, que aí as cousas irían mellor. E xa vemos onde estamos. O goberno, como non ten ideas, está aludindo constantemente á herdanza recibida que, de acordo, non foi doada, pero no tempo que levan gobernando imos para atrás coma o cangrexo e as medidas impostas pola Europa das finanzas masacran as clases menos favorecidas e está claro que non están dando resultado. O “que inventen eles” foi nefasto para nós. Non producimos e xa que logo non vendemos, andamos mendigando axudas neste estado de indixencia no que estamos e non atopamos saída para esta situación de autentica emerxencia. Xosé Luís Gómez aposta pola necesidade de establecer un gran pacto a nivel nacional no que os partidos políticos se comprometan a buscar conxuntamente solucións. El é optimista, cre que aínda queda moito tempo, pero que sairemos deste lamazal no que estamos atrancados. Falouse, como solución factible, a posibilidade de saír do euro, cuestión previda por voces autorizadas na materia coa que o autor de “Como salir de esta” non está de acordo. Xosé Luís Gómez dixo que sería necesaria unha depreciación aproximada ao 50% e ía ser peor o remedio que a enfermidade. Comentouse tamén que outra solución podía pasar por establecer un control fiscal axeitado e que aflore todo o diñeiro negro que anda por aí oculto e que as empresas do IBEX paguen os impostos que lles correspondan. Pero semella que o goberno non está pola labor. Curiosamente neste río revolto, medran máis os corruptos, os defraudadores e os especuladores sen escrúpulos. Se é verdade que os políticos son o fiel reflexo do que é a sociedade, a xente de ben non tería outra alternativa que sentir vergoña de pertencer a ela. Nesta España na que vivimos xa non hai pan para tanto chourizo, para tanto aproveitado que navega vento en popa polo mar da crises namentres a maioría da xente naufraga e afógase nestas augas podres e turbulentas. Como este é un tema polo que sento curiosidade, procurarei ler “Como salír de esta”, a ver si Xosé Luís Gómez contáxiame o seu optimismo. A ver.
