Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Recordemos que cando o Goberno autorizou a venda de preferentes ás caixas a situación económica do sector xa era mortal. Viña a ser como un último intento de agochar o fracaso dun sistema que se meteu a operar onde non sabía. Os mesmos que dirixían as entidades e que agora desfilarán pola Audiencia Nacional faroleaban do éxito de acollida do produto financeiro e as colas de ávidos investidores que ían facer un gran negocio coa compra de tan especulativo e cativo fondo. Todo era mentira. Os directores de sucursais, apremados por cadrar as contas seguindo as ordes da cúpula, dedicábanse a chamar a centos de clientes para darlles o camelo.

O que non entendo é que desde as direccións das caixas se intentasen salvar os despachos, coches e iates levando a todo un país á ruína e deixando aos seus clientes sen fondos. Supoño que será aquilo de que tras eles era o fin do mundo e que todos caeriamos con eles. Seguro que foi isto e agora non hai marcha atrás.

Segue chamando a atención a cantidade de investimentos nos que estaban metidos as caixas galegas. Cando comezaron os eres, quebras e concursos de acredores e saía á luz a listaxe de financeiros implicados, sempre aparecía unha das dúas entidades galaicas, xa fose nunha inmobiliaria de Badaxoz ou nunha tenda de roupa de Alacante. Non entendo o que facían por alá os cartos dos galegos, a non ser que se utilizasen para xustificar viaxes turísticas por todo o mundo.

A palabra chave nas preferentes foi perpetuo. Moito leron iso e recuaron, pero o responsable da oficina aclaraba que non había problema en recuperar os cartos confiscados pola entidade para a eternidade. Era sabido que os directivos caixas querían ter depósitos de por vida para negociar ben as súas xubilacións e perdurar na súa posición de por vida. Un mérito si teñen estes elementos e é que mentres o resto dos mortais ven con pasmo como terán que traballar até a fin das súas vidas, eles pretendían estar no estado maior financeiro até deixar este mundo e para iso non dubidaron en pór na fronte o de “caerán comigo”.

En poucos anos o banco resultante da fusión das caixas galegas deixará de existir e os seus xestores pasarán á historia da infamia de Galicia, como moitos outros que non fan máis que alongar con tomos e tomos esa triste enciclopedia dos desastres galaicos. A fin de contas, o mellor será cerrar o negocio e pór un cartel no Padornelo de que se vende territorio ideal para lucrarse en pouco tempo, avisando de que a poboación é submisa e traga con todo, mentres lle poñan ao Real Madrid en televisión aínda que teñan que pagar.