Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Cantares Gallegos, após 150 anos

Desde comezos do século XIX comezou a instalarse na conciencia colectiva unha apreciación fondamente racista e xenófoba verbo dos pobos sometidos, aqueles que non conseguiron configurar Estados de seu. Así abriuse paso a distinción entre pobos con historia e pobos sen historia, pobos capaces e incapaces, destinados a deixárense absorber, pobos revolucionarios e pobos contrarrevolucionarios. Esta última dicotomía foi moeda de uso frecuente nas análises marxistas de entón, malia contradicir o seus materialismo filosófico, de fundamentación económica. Se no caso da Franza o albo dos ataques xacobinos foi Bretaña e Provenza, destinadas a desaparecer integradas na condición de cidadáns franceses, a través da asimilación lingüística e da identificación cos valores da República unha e libre, no Estado Español manifestouse a xenreira contra dous destinatarios, se ben de maneira distinta: un deles foi Euskadi, acusada de ser a cova da reacción carlista, visión que perdurou até a Segunda República; outro foi Galiza, vítima de desprezo desde había séculos, renovado e reforzado con novos matices co ascenso do Estado centralista e capitalista: unha especie de bárbaros e salvaxes, incivilizados, obxecto de mofa, destinados a sermos colonizados.

Esta atmosfera, con soporte nun darwinismo social torpe, no racismo de Gabineau e no historicismo do progreso de Spencer, foi transfigurando unha visión que, no Antigo Réxime, xa derivaba dunha Monarquía xerarquizada mais con reinos, linguas e culturas diferentes, en certa maneira non negadas. Este é o contexto de cultivo para un libro como Cantares Gallegos e a súa intención reivindicativa: a defensa da capacidade do pobo galego e da súa lingua e cultura popular, así como do dereito a ser diferente nos seus hábitos, costumes e relacións sociais. Polo tanto, é unha protesta implícita e explícita perante a visión desigual do mundo, que conducía e conduce Galiza á asimilación, á absorción e á desaparición.

Velaí por que este primeiro libro en galego de Rosalía non podía estar alleo a unha exaltación patriótica que mostrase o país como un paraíso, pola natureza e, en certa maneira tamén, polo carácter dos seus naturais máis representativos, as clases populares do campo e do mar, cos que se identifica a autora. Porén, este paraíso aparece enturbado non só polos defectos atribuíbeis á natureza humana senón tamén polos derivados dun sistema opresivo e discriminatorio, que debe ser contestado: a explotación dos labregos, o analfabetismo, a emigración, a discriminación e burla por sermos de nación galega, a pobreza e a miseria, as quintas, a ruína dos pazos e a carencia de clases dirixentes... Faise dunha forma sutil e cun protagonismo case absoluto da muller.

De forma retrospectiva, á altura de 1881, Rosalía lembraba, nada menos que nun artigo en El Imparcial de Madrid, que ela aprendera a amar o seu país cando viaxara por terras para ela “estranxeiras”, as dúas Castelas, Levante, Estremadura, Madrid...Xa que logo, como outros membros da mocidade galega culta, ela foi vítima dunha certa desconsideración ou fuxida adolescente da terra que a encarnou, da nación á que pertencía.

Cantares Gallegos é, pois, unha incitación a non abxurar ou renegar da propia condición nacional, precisamente nun momento de forte impacto españolizador nas clases ilustradas. O libro está pensado para elas descubriren o verdadeiro espírito do pobo, a súa dignidade, a da súa lingua e a da súa cultura, merecente de servir de base para un desenvolvemento normal en todas as ordes. Non por casualidade, un galego culto, nativo das terras de Celanova, chantre na catedral de Salamanca, admiraba a convicción e tenacidade de Rosalía no esforzo por convencer os galegos de que o somos. Camilo Álvarez Castro, que así se chamaba, estaba vaidoso de que figurase a adicatoria de Rosalía a el á cabeza dun dos poemas do libro. E foi precisamente unha petición de Rosalía a que o levou a escribirlle unha carta privada na nosa lingua, cousa inaudita naquel tempo. O chantre deixaba claro na súa misiva que o libro rosaliano se insería no movemento reivindicador das nacionalidades oprimidas, en particular as celtas: a poesía de Macpherson ou Robert Burns en Escocia ou a de Moore en Irlanda, por exemplo.

O esforzo por construír unha literatura nacional en lingua galega formaba parte dun proxecto cultural máis amplo. Perseguía tamén a recuperación da memoria histórica ( Galiza ten unha historia de seu, en certas etapas esplendorosa e sempre específica), tarefa na que o marido de Rosalía, Murguía, estaba traballando polas mesmas datas. E, desde logo, aspiraba ao coñecemento da nosa realidade material, xeográfica e natural.

É significativo que o naturalista ferrolán, López Seoane, grande amigo do matrimonio, e un dos membros da extensa rede social coa que contaban para vender os seus libros, fose o encargado de redixir un capítulo sobre a natureza galega no primeiro volume da Historia de Galicia de Murguía. Seoane na súa correspondencia co historiador expresa as dificultades en facer subscritores para Cantares Gallegos, malia o seu “mérito”. O libro foi ben recibido por “algúns entusiastas” e era unha “chamada á guerra”, segundo as palabras de Rosalía case vinte anos máis tarde. Nesta guerra defensiva continuamos, nunha fase aínda máis agresiva da globalización.