O DESASOSEGO DE FEIJÓO
Deixa Feijóo a porta aberta a un cuase seguro adianto electoral. Xusto cando vén de conseguir que se visualice nas urnas unha abultada distancia entre o conglomerado de dereitas que capitanea o PP, por unha parte, e as esquerdas que se bifurcan fundamentalmente cara o PSdG e o BNG. Beneficiándose o líder conservador do que neste 20-N foi, en clave galega, unha das máis significativas novidades: estas dúas últimas forzas políticas non se realimentaron por vez primeira unha a costa da outra. Por iso, de non termos en conta outros factores, parecería propio dun aventureiro poñer en xogo o seu ben asegurado poder político no seu momento máis doce, que coincide ademais co acceso dun pontevedrés amigo ao goberno do Estado.
Feijóo pode ser en política a cara e o envés ao mesmo tempo, un pragmático que fía cuase exclusivamente da xestión todo o que outros de moita maior vocación pública fían dun proxecto transformador e estratéxico, pero nunca un aventureiro. Se, pese a nadar na abundancia, amosa con esa declaración o que sen dúbida é unha mostra de desasosego electoral, débese a motivacións que teñen nos déficits da súa propia gobernanza, nos que en cuestión de días e meses martiricen a gobernanza de Rajoy e, por razóns de oportunidade, nos dunha oposición que sae das últimas contendas enfeblecida e encanallada, a súa verdadeira razón de ser.
Se até agora lle abondou con botar man do espantallo de ZP para tapar os espectaculares baleiros da súa acción de goberno, contradecíndose no argumentario ao xustificarse na ausencia de competencias das que dispoñería de non haberse negado hai catro anos e agora a reformar o Estatuto, en adiante non terá máis opción que a de apencar cos custos de que Galicia siga destruíndo o dobre de emprego que a media española, cos derivados de cuase triplicar a débeda pública, e coa desprotección dos servizos básicos nos orzamentos, nas escolas e da sanidade pública. Para máis inri, as reformas de Rajoy e as políticas de austeridade que, segundo os organismos máis fiables, socabarán aínda máis as raíces da crise, e as penurias que sobre os máis indefensos esparza unha cada vez máis probable nova recesión, expulsarán do seu feudo electoral a cantos buscaran nel un refuxio máis seguro que o que ata entón lles ofrecera o PSdG.
De non estar tan lonxana a fin da lexislatura, aproveitaría a marea azul para convocar eleccións ao tempo que en Andalucía, antes de que os votos de natureza migratoria se rebelen contra quen ata o sábado pasado garantía seguridade, traballo e saída da crise a cambio de votos. Pero non é asi. Terá que correr tamén ese segundo gran risco botando man, para aplacar as desidias, dun goberno de refresco que supla, cando menos cara a galería, a incompetencia do actual. Non será ata o outono de 2012 que poida xustificar, malia non ter por diante ningunha outra emerxencia, un adianto que chamarán técnico sendo político. Coa esperanza de que os meses intermedios non lle dean tempo á oposición para sair como alternativa de goberno das areas movedizas, nas que sobreviven PSdG e BNG dende que en 2009 perderon o poder. Antes de que reformulen organizacións, mensaxes e liderados. Que non está nada claro que poida suceder, como terei ocasión de analizar outro día.
