A POLÍTICA COMO EXTENSIÓN DA EMPRESA
Tendo en consideración cal é o comportamento de moitos dirixentes políticos, que prometen unha cousa e despois fan outra, unha parte significativa dos cidadáns pensan que os empresarios o farían mellor, vendo os éxitos económicos dalgúns. Esta actitude é consecuencia da teimosa distorsión da realidade, que alentan os medios afíns ao capital. Porque a corrupción e fraude, aínda que importante nos partidos sistémicos, é moito maior no mundo empresarial. Pechar os ollos a esta realidade, sería ignorar que acotío unha boa parte da clase traballadora fai horas que non cobra e polas que non se cotiza (sobre un 25% de economía en negro). E a fraude empresarial resta máis de 50 mil millóns de euros ao erario público, o que evitaría os recortes en sanidade, ensino, dependencia, cultura, etc. Por se non abondara “legalmente” sozializanse as perdas bancarias pola actividade especulativa, tapase a responsabilidade polas preferentes e póñense topes aos xuros dos aforristas por debaixo do IPC para garantir os beneficios bancarios. Por outra banda, a corrupción política case que sempre esta ligada a empresarios que procuran así contratos ou xestións de servizos, que lles reportan maiores lucros, caneando a legalidade e feudalizando as relacións coas institucións. Ou sexa, dáse nun contexto favorecido por aqueles partidos que privilexian a xestión do privado, e polos dirixentes que ollan a política como unha profesión, e teñen estreitos vínculos coas grandes empresas. Esta afinidade resulta perversa para un trato equitativo nas relacións laborais, mais tamén para os autónomos e pequenos e medios empresarios, que sempre están en situación de desvantaxe para competir no mercado.
Tampouco, as experiencias de executivos das empresas na política deixou normalmente bos resultados. Vexase que tanto o PSOE, como especialmente o PP, teñen un Executivo ateigado de ministros con vínculos coas grandes empresas, e as medidas que tomaron afondaron a crise e, ademais, botaron todos os custes sobre as clases populares.
Por non falar de experiencias tan desastrosas como as de Berlusconi en Italia e Piñera en Chile.
Manuel Mera
