Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

O de 1993, que xa choveu, fora Ano Santo compostelán. Con ese motivo a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, da que era responsable Víctor Manuel Vázquez Portomeñe –quen botara a andar o primeiro programa autonómico de celebración e difusión do Xacobeo-, decidira convocar un concurso poético relacionado co tema. Tiven o pracer de formar parte daquel xurado, presidido por Basilio Losada. Creo recordar –non conseguín atopar nin as bases nin noticia dos premios para confirmalo- que había un apartado específico de poemas escritos ao xeito medieval. Do que teño certeza é que me chamara a atención un poema polo ben que recollía o espírito e a forma das nosas cantigas. Non me soaba a poeta coñecido e, intrigado, deillo a ler a unha colega, boa amiga e con bo olfacto poético, que, ademais, traballaba sobre o tema. Sen darlle moitas voltas, manifestoume que o autor podería ser Alonso Montero. Acórdame que fiquei pampo. Nesa altura, que souberamos, o catedrático da Universidade non fixera máis versos que uns poucos que publicara no seu célebre Petro Petouto, que, por outra parte, nada tiñan que ver con aqueles escritos ao xeito medieval. Chegado o día da discusión e do fallo do xurado, o poema en cuestión, que sería premiado cun accesit, resultou ser da autoría do profesor Xesús Alonso Montero. Se non me falla a memoria, penso que o poema e un dos que figuran nos que se recollen nos seus recentes Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo/(Antoloxía: 1963-2016), publicado por edicións Xerais. Non se equivocou nin unha miga o poeta na escolla dos termos que se recollen no título: o querido e admirado amigo Xesús é todo iso tal cal. Ademais doutras bondades que tamén ten. Ata non hai moito, era costume case obrigado que os libros levasen un colofón indicando a data de remate, o obradoiro da impresión e, se cadrar, algunha outra consideración. Tal é o que se fai nesta nova entrega poética de Alonso Montero. Creo que paga a pena reproducilo porque, ao meu entender, resume perfectamente o que o libro quixo ser e, de feito, é: “Este libro terminouse de imprimir o 20 de novembro do ano 2016. Foi o 20 de novembro de 1975 (hai 41 anos) cando o Atila do Pardo deixou de matar republicanos, galeguistas, marxistas, librepensadores..., oficio que exerceu durante catro décadas con asañada teimosía.
Poeticida, mandou segar a vida de nobres e altos poetas: Federico García Lorca, Manuel Gómez del Valle, Roberto Blanco Torres... Destas e doutras nobres xentes falan os versos deste volume: de Ernesto Che Guevara, de Antonio Machado, de Castelao, de Heraclio Botana, de Líster, da señora Gumersinda, do labrego Mateo... Tamén se execra a Corrupción e se gaba a Revolución”. Por se isto non abondase, os títulos de cada unha das dez partes en que se organiza esta antoloxía son, ademais de suxestivas, elocuentes:  “Versos escritos desde o noxo, a impotencia e a carraxe. ‘Execratio’ contra dous asasinos: Franco, de Julián Grimau (1963), e Mario Terán, de Ernesto Che Guevara (1967)”, “Versos contra a Corrupción, contra os banqueiros, contra certa institución, contra o capitalismo...: contra case todo”, “Dous poemas sociolingüísticos e un sobre a estética da lingua”, “Versos ó xeito medieval en favor do compromiso cívico da poesía e contra a Corrupción”, “Revolución: realidade e sinfonía dun nome”, “Homenaxe a oito republicanos: tres poetas, un socialista enxebre, un oficinista, un ebanista, un revolucionario e un anxo derrubado”, etc. Todo iso, e máis, é o que vai atopar quen se achegue ás páxinas deste libro. Versos que nos axuden a combater, coa forza e a ilusión precisas e debidas, todas e cada unha das miserias que nos trouxo e nos trae este horrendo universo neocapitalista que nos queren impoñer diariamente. Que lles presten.