Pleitos
Pleitos teñas e os gañes” é unha sentenza galega que ten o seu aquel, aínda que pareza un contrasentido. Venme ás mentes esta frase, despois de escoitar ao sr. Trump ou “Trampas”, dicindo que quere gañar guerras. Gustaríame saber o que dirán as nais dos rapaces que puideran ser enviados a loitar nas guerras deste estraño “mesías”, que parece contar co apoio dun considerable número de cidadáns. Eu non sei se será tan descerebrado como parece, ou se todo é unha farsa política dirixida a contentar ás empresas armamentistas e ao mesmo tempo asustar aos seus posibles inimigos, que el sabe que son moitos e algúns tamén poderosos. De calquera xeito e pois que o tipo non parece parvo de todo, estou seguro que, no caso de comezar unha guerra, xa procurará buscar un inimigo pequeno, para ter a seguridade dunha vitoria doada e rápida. E semella que a el non lle importaría moito a posible perda de vidas ianquis; as outras seguro que non lle importan nada. Mala chispa...!!
