E VEÑA LEÑA
Aínda que xa lera unha circular, comunicado, proposta ou similar sobre o tema, un nadiña lle faltou para caer do asento, co risco de poder romper a crisma, cando, mentres almorzaba, lin na cabeceira do noso xornal do venres, hai dous días, o titular “Ferrol destinará pisos embargados de doce bancos para alquileres sociales”. ¿E que verá sendo isto?, é o primeiro que, unha vez reposto do impacto, che ven á cabeza, mentres as galletas, molladas no café, loitan por penetrar no seu destino natural a través dun tracto un tanto obturado pola espontánea resposta dun cerebro agredido. Reposto do susto –un auténtico susto, dos que meten, ou deberían meter medo– sigo lendo, en caracteres menores da propia portada, que “El Concello de Ferrol se adherirá a un convenio que afecta a pisos embargados por doce entidades bancarias para destinarlos a alquileres sociales”, ós que poderán acceder, “cágate lorito”, as persoas con menos recursos ou en risco de desafiuzamento. O summum de tódolos despropósitos é asumir, segundo a información, que os nosos mandatarios públicos farán de intermediarios das entidades privadas para facer os informes sociais pertinentes para a adxudicación desas vivendas. Para tirar unha conclusión da noticia non precisei de ir á páxina interior á que nos remite. Dez, doce liñas, para que máis, deitan tódalas luces sobre esta inmensa mentira na que se instalou o Partido Popular e da que non sabe como saír. Se a min, un supoñer, a entidade bancaria que for, por non pagar o que estaba acordado, me embarga unha vivenda, será por e para algo. Era un trato, todo o leonino que se quixer, mais un trato. En caso de conflito, de que parte se vai poñer a lei é máis que obvio. Nin o subnormal máis profundo pode crer que o artigo constitucional que recolle que todos somos iguais perante a lei. Como isto non é certo. Como tamén non é verdade que sexa de lesa xustiza desposuír alguén dunha “propiedade”, pola que foi pagando, nomeadamente intereses –que esa é outra–, á que pretendía acceder. Douche e ti xa pagarás. O persoal, mesmo coa maior mala fe do mundo, entra ó trapo. Mais o trapo non o manexa o touro. E, evidentemente, vante tourear. Agora vai resultar que alguén a quen lle quitaron a vivenda por impago, que vive, ou malvive, onde nin se sabe, por mor dunhas fadas madriñas vai ter unha marabillosa morada –inclusive a que lle furtaron– a un prezo tan económico como o que non podía pagar pola hipoteca e que o privou da súa “vivenda”. Máis despropósito que isto non o vin na miña xa longa vida. ¿Como un concello –independentemente da súa desfeita económica–, cos cartos de todos, se pode prestar a resolverlle as malas xestións a entidades privadas? Non queda outra que alucinar por colores e sen drogas de ningún tipo. Nada hai baixo control. Todo ven de fóra. E fóra é fóra. Non vale de nada que o señor alcalde sexa presidente dunha federación de alcaldes nin que un dos nosos concelleiros presida a deputación coruñesa –institucións que, é máis sabido e probado, só serven para o clientelismo– para que a nosa comarca poida ter un mínimo de crenza nun futuro real, certo. Despois de tanto engano –malia que gañasen elección tras elección– quen pode crer que é política social ofertar o que previamente che substraeron. ¡E todo avalado polo noso goberno municipal! ¡Que nos quiere mucho a todos! Ou iso di. Entendo que pretenderán que o resto da corporación municipal respalde esa tan “social” proposta de roubar, roubar e roubar baixo a venda de ofertar, ofertar, ofertar. Deixémonos de ofertas e reclamemos que nos dean –só un chisquiño, por favor– do tantísimo que lles levamos dando. E que deixen de nos dar leña. ¡Que doe! ¡E tanto!
