Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

REGRESAMOS AOS ATALLOS

Cando os gobernos comezaron cos axustes, recortes e reformas os cidadáns, que son moito máis listos, xa tomaran as súas medidas de precaución económica desprendéndose dos gastos superfluos. Os galaicos, máis afeitos á vida de privacións, suspenderon dos seus orzamentos diarios o pagamento das portaxes na autoestrada AP-9. Natural. O diñeiro que hai que depositar por circular a 120 quilómetros por hora non é soportable para ningunha cartilla de aforros dos asalariados destas terras.

Se nos soben as portaxes non teremos maior problema en regresar ao turismo rural de pista, que sempre é bo

As estatísticas reflicten que o número de automobilistas que se incorporaron á vida rápida do Atlántico descendeu até niveis de 2005 no primeiro mes do ano. O que resulta paradoxal é que hai trece anos estábamos todos multimillonarios e en lista de espera para ir de viaxe a Saigón a pasar unha quincena e ademais cambiabamos de coche unha vez ao mes. Isto era o que se pensaba, pero á vista do dato de usuarios da autoestrada non vivíamos tan ben naqueles anos de abundancia ou, o máis certo, é que os galaicos somos máis dados a pagar convidadas de claretes sen límite, pero iso de pagar por ir un pouco máis rápido polo asfalto, como que non nos gusta nin agora nin antes.

Os políticos autóctonos son moi dados a citar sempre a famosa fase de vertebrar o territorio, sen que se alcance a entender o que quere dicir e o normal é entender que se trata de construír máis estradas, porque a famosa frase só aparece cando se descobre unha placa nunha inauguración asfáltica. O galaicos, menos á Habana, chegamos tarde a todo. Mentres os habitantes da meseta circulaban gratis e a altas velocidade, os aborixes de aquí estaban indo ao taller mecánico a reparar palieres tras precipitarse por un burato na estrada comarcal de uso habitual.

A vista está que aos galaicos iso de que se incremente o prezo das portaxes ou que agora haxa que pagar por ir a Astorga a comprar mantecados pola autovía até Madrid non nos vai a afectar moito porque xa estamos afeitos a ir por estradas terciarias e atravesando camiños estreitos para evitar a taxa, por moi amable que sexa quen nos cobre na cabina da AP-9.

Non hai moitos anos o máis frecuente entre os condutores galaicos era transitar por atallos ou dar unha pequena volta para evitar a estrada xeral e o seu lamentable estado asfáltico –xa se sabe que un ser humano galego tenlle máis apego ao seu coche que á súa saúde–. Así que se nos soben as portaxes non teremos maior problema en regresar ao turismo rural de pista, que sempre é bo, cantos de nós non botamos en falta aquelas paradas nesta ou naquela taberna de tal ou cal aldea que vendía un viño que era o mellor ou que se comía un cocido por catro reás. Non hai mal que un galaico non lle saiba aproveitar un chisco de pracer.