Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Entre os poucos CD que levo no auto atópase un de Carlos Puebla y los Tadicionales que merquei, moi barato, nunha tenda de Buenos Aires, hai cinco ou seis anos. Como está no cargador, escóitoo de cando en vez, cando lle chega a quenda de rotación cos que con el están metidos no aparello. E, aínda que nos últimos tempos utilizo o carro moito menos que en anos precedentes, de tanto escoitalo, e porque xa coñecía as cancións de antes, seino de memoria. Trátase de “Y diez años van”, o seu primeiro longa duración, aparecido en vinilo en 1969, en gravación chilena. Non tiven a oportunidade de coñecer a Carlos Puebla –morreu antes de eu ter pisado Cuba–, mais si de cruzar unhas brevísimas palabras con el e os seus músicos á saída dun concerto que, a comezos de 1977, tivo lugar no vello pavillón do Sar en Compostela. Por certo que, cos restos do ditador probablemente aínda fedorentos –penso que non incorruptos, como o presunto brazo de Santa Teresa que gustaba de ter cerca–, as autoridades que comandaba o sorriso azul de don Adolfo Suárez decidiran non dar permiso para que os cubanos actuasen en Ferrol, que, como non, seguía sendo “del Caudillo”. Eu, que xa era profesor, residía na actual capital de Galicia e non tiven, xa que logo, que facer desprazamento especial de ningún tipo para asistir ó recital, no que tamén actuou o inesquecible José Afonso, co seu Grândola nos lábios, e os principios da incruenta revolución dos cravos aínda latexantes no corazón. Tarde-noite inesquecible. A min, daquela rapaz de 26 anos, o popular cantor, pareceume unha persoa ben maior, un vello diría. E agora, reparando no asunto, comprobei a data de nacemento (11 de setembro de 1917) vén resultar que ía camiño dos sesenta, quer dicir, tiña uns poucos anos menos dos que hoxe conto. Curiosidades do paso do tempo. Le Temps s’en va, mais l’Éternité reste. O que mellor recordo da actuación dos cubanos, se cadra porque nunca antes a ouvira, foi a interpretación de “Autos de uso”: Cuando quitaron a Nixon/hubo quien me preguntó/qué opinión me merecía/míster Ford/–Pues mire usted, pues mire usted:/a mi me parece Ford/lo mismo que Chevrolet..., canción composta cando o vicepresidente Gerald Ford tivo que substituír a Nixon debido á súa  forzada renuncia polo máis que turbio asunto do Watergate, onde, por certo, atentar contra Cuba andaba tamén polo medio. E creo que no recital de Santiago tamén meteu polo medio a Jimmy Carter, con apelido tamén automobilístico, que acababa de chegar á presidencia derrotando a Ford. Daquela a hoxe pasaron moitas cousas nas relacións cubanas co resto do mundo. O propio Carlos Puebla morreu, meses antes da caída do muro de Berlín, curiosamente, mais non así o seu bolero “Yankee, go home”, aquel que di: Yo del inglés conozco poca cosa/pues solamente hablo en español,/pero entiendo a los pueblos cuando dicen:/yankee, go home…//[…]//Con este inglés me basta, aunque precario,/para gritar con fuerza y con razón/y con criterio revolucionario:/yankee, go home... Como tampouco a canción dos “Cinco puntos de la dignidad”: Cinco puntos, cinco son, ni uno menos ni uno más, si quieren me lo aceptan y si no chirrin chirrán... Os famosos cinco puntos da chamada crise dos misís, de outubro de 1962, nunca chegaron a cumprirse. Se cadra, agora é posible que se abra unha xanela á esperanza, Cando menos xa se fala do restablecemento de relacións diplomáticas, apertura de embaixadas... De momento, e é bastante, unha mostra de boa vontade, xa retornaron a Cuba tres dos cinco cubanos (os “cinco héroes”) inxustamente condenados e encarcerados durante 16 anos nos Estados Unidos, acusados de espionaxe, cando andaban na loita de frear atentados terroristas en Cuba. Mais cara onde van derivar as cousas nestes momentos é cousa pouco menos que de meigos e meigas. De sempre pensei que os americanos do norte canto máis lonxe mellor, mais... Se o que se faga vai servir para mellorar a vida do pobo cubano,benvido sexa. Se vai ser para explotar a xente nun sistema capitalista feroz, mellor que todo quede como está. Non hai máis que mirar para nós mesmos. O que xa é unha evidencia é que os gobernos do PP chegan tarde a tódolos sitios. Se é que algunha vez chegan a algo.