SIRIA, IMPERIALISMO DESTRUTIVO
A situación en Siria é dende hai tempo unha enorme traxedia humanitaria, tanto polas ducias de milleiros de mortos, como polos millóns de desprazados. Tamén é preocupante a represión aos dereitos máis elementais que se dá nas zonas controladas polo Estado Islámico e outros grupos integristas, e que a chamada comunidade internacional só reaxese cando estes ameazaron con tomar Bagdad. Os seus principais actores son os mesmos que alentaron a guerra contra o Goberno sirio, fornecendo armas e recursos para a contratación de mercenarios.
Neste caso déuselle folgos ao conflito ás agochadas, permitindo que Turquía apoiase os Irmáns Musulmáns, e ofrecese refuxio seguro no seu territorio a todos os grupos de oposición, mentres Arabia Saudí e Qatar daban recursos á Fronte Al Nusra e ao ISIS (hoxe Estado Islámico). Mesmo feridos da Fronte son atendidos en hospitais israelitas, e a aviación deste país ten atacado as forzas do Goberno cando cercaban milicianos de Al Nusra. Neste intre, o petróleo controlado polo EI é exportado a través de Turquía.
Washington di que precisará anos para derrotar o EI, deixando albiscar que o obxectivo final é derrocar a Assad, regulando a forza do EI para evitar que non se lle vai das mans, e ao mesmo tempo lle sirva como escusa para reforzar abertamente o Exército Libre Sirio e desgastar o Goberno. Só así se entende que a OTAN non busque un entendemento co Goberno, mesmo conxuntural, para rematar co terrorismo no país. Ademais, este achegamento permitiría probar na práctica se é posíbel unha solución pacífica ao conflito, coa incorporación da oposición moderada e non integrista, como propón Rusia.
Que algo así pase unha e outra vez non pode ser unha casualidade. Practicamente todos os países nos que interveñen directa ou indirectamente os Estados Unidos e a OTAN terminan desfeitos polos bombardeos e, o que resulta máis grave, sen capacidade para recuperar a seguridade e o crecemento (Afganistán, Iraq, Libia,etc.). Argumentar que interveñen para garantir a democracia dá risa, se non fose a interpretación cínica dunha traxedia. A falta de contrapeso militar á OTAN agravou esta tendencia.
