Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Éxeralizada a impresión de que, no Estado español, existen abondo duplicidades administrativas, que xeran gasto público improdutivo e problemas para acadarmos a eficacia e a eficiencia na xestión. Mais para suprimirmos estas duplicidades compre pór o foco moito máis na Administración do Estado ca nas Administracións  autonómícas.

En realidade tanto os gobernos de Felipe González como os de Aznar retiveron milleiros de funcionarios e empregados públicos sen función ningunha. Cumpriría reducir o Estado a seis ou sete ministerios de sinxela estrutura e transferir os restantes medios persoais aos gobernos autonómicos.
Ao tempo, están de máis os 57 subdelegados do Goberno e os dezanove delegados do Goberno con todos os seus gabinetes. O Estado non precisa de estrutura periférica ningunha na época das novas tecnoloxías da información e comunicación.

O Partido Popular e o PSOE non se decatan da magnitude dos reptos deste momento histórico

En troques, son as autonomías as que sosteñen os servizos sociais, a sanidade e a educación. É dicir, o núcleo esencial que da sentido ao poder público. Velaí o absurdo de lle permitir ao Estado déficits próximos ao 4,5 por cento mentres as administracións autonómicas hanse cinguir a un 1,3 por cento.

Mais semella que Rajoy non quere botar mán das tesoiras para recurtar de seito substancial o Estado e mesmo nin vai tocar as innecesarias e mal xestionadas deputacións, que son institucións que non teñen encaixe no noso Estado.
Mentres as reformas fiscal e laboral maximizan o sacrificio económico dos traballadores, autónomos e pequenos empresarios e, en xeral, das clases medias, semella que o Partido Popular e o PSOE non se decatan da magnitude dos reptos deste momento histórico e seguen pendentes de fornecer de traballos institucionais ben remunerados a cadansúas burocracias.

Asumir dunha vez que a Xunta de Galicia e os concellos han ser a Administración única deste país contribuirá a mellorar substancialmente a eficiencia pública, aforrando recursos esenciais para darlle pulo á actividade económica.