Falta de ansia
Xosé Ramón Fandiño, magnífico redactor e director que foi no seu día da Gran Enciclopedia Gallega, colega e o mellor amigo, o ano da miña chegada á Universidade compostelá, envíame unha foto dun sacho acompañada do excelso texto que segue: “Vendo sacho de ferro de fundición e mango de saljeiro. /ten javeado as mellores cortiñas de caxade / espesialidade en rejos para patacas, repolo, coles e mesmo pementos./ vendese por falta de ansia”. Eu mandáralle unha mensaxe utilizando a gheada –que, por oral e por escrito, utilizo con frecuencia por sentila de sempre como propia– e contestoume con isto. Como foi antonte mesmo, o marabilloso final tróuxome á cabeza a problemática do naval. As empresas da nosa ría veñen tendo de anos o mellor da tecnoloxía e do persoal altamente cualificado que se pode atopar no mundo. Como o sacho citado fixeron do mellor do melloriño que se ten feito no mundo. Poderían seguilo a facer, mais agonían pola desidia dos nosos dirixentes, pola súa falta de ansia. Compre continuar na pelexa.
