Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Aínda que vivín uns cantos lustros na Coruña, debo confesar que nunca probei a codia do cacao, o que chaman cascarilla, produto que penso que seguen a vender nalgunha tenda –se é que xa non pechou, froito das malfadadas grandes superficies– da cidade. Os que a tomaron como substitutivo do café ou, máis tarde, de pos elaborados con algo de cacao –nomeadamente os nenos– por moi coñecidas marcas comerciais, manifestan que non sabía nada mal. En Ferrol, ós coruñeses sempre os asimilamos ó consumo da cascarilla, e de aí o alcume de cascarilleiros. ¡Sorte que tiñan! Se cadra nós non tomabamos esa codia por non tela tan a man como eles, froito da súa actividade portuaria. Tiñamos que nos conformar con moita chicoria e un chisquiño de café. Desde que comecei a vivir a Coruña, sen residir nela, nos albores da morte do ditador, sempre puiden gozar de chocolates espesos acompañados de non menos potentes churros. Particularmente, gusto dos do El Timón, zona Catro Camiños, mais para gustos... Un bo chocolate espeso produce pracer. Independentemente de que sexa ou non afrodisíaco. Entendo que ós que gustamos do chocolate –e ós que non, probablemente, outro tanto do mesmo– tamén nos gustan as cousas claras. Por iso estamos moi interesados en saber a verdade aproximada –desgraciadamente a auténtica nunca se saberá– dos pagos e dos ingresos que figuran nunha suposta contabilidade manuscrita que levou no seu día quen foi, ademais de senador, tesoureiro do PP. Que non é pouca cousa. De entrada, existe un documento manuscrito no que, segundo declaracións de peritos calígrafos, que puidemos ver e escoitar, non hai trampa nin cartón: a letra da contabilidade B, ou o que for, que saíu á luz pública nas páxinas de El País é a do señor Bárcenas. E, consecuentemente, don Luis Bárcenas tería que ser o único obxecto de persecución dos dirixentes do partido no goberno. Nunca o medio de comunicación que ofreceu a información. Aínda que non son dos pardillos que seguen considerando ese diario –que leo regularmente, como algúns outros– prensa de esquerdas, considero que unha publicación de alto nivel, como é o caso, non vai vender información tan comprometida sen ter constatación plena da súa veracidade. Sería suicida. E os poderosos non adoitan suicidarse. Ten que haber –ademais da letra de don Luis– máis. Visto o visto as respostas escapistas non son máis que manobras dilatorias e confusionistas. A mirada da señora de Cospedal nas súas declaracións, comparada con tantas ás que nos ten afeitos, semella denotar que non as ten todas consigo, malia o ton ameazante e querelante –é evidente que as taxas da súa xustiza non lle van afectar o máis mínimo á súa economía, e menos aínda cos supostos sobres. Na información que nos chegou hai uns nomes e unhas cantidades. Só un ser moi malvado e enfermizo podería involucrar a alguén, tanta xente, tan polas boas. Que aparezan non listado de perceptores ministros e exministros e ata presidentes do Goberno é gravísimo, mírese por onde se mire, e con calquera das ópticas ou dioptrías coas que se quixer ver. Gravísimo. Se algunha vez –un dicir, porque sería imposible– me tivese visto en algo moitísimo menor, que puido acontecer, estaría baixo terra. ¡Que vergoña! Unha dimisión a tempo é unha victoria. Como a soberbia non sabe diso non a vai haber. Fronte a tanta potenciación da monarquía ou das seleccións deportivas –“las rojas”– ¿non sería máis produtivo vender honradez e honestidade? É o que procuramos facer en tantos anos das nosas vidas tantas xentes que agora estamos vendo moi minguadas as nosas economías. E abofé que non temos sobres. Non falemos dos churros. A ver se nos segue chegando para un chocolate, en podendo ser espeso. E coas contas claras. ¿Verdade que si señores Rajoy e Bárcenas?