Solidariedade
Por prescrición facultativa, teño a obriga ineludíbel de ir a rehabilitación, tódolos martes e xoves, a unha clínica sita nos altos da rúa da Terra. Por razóns que descoñezo coas que, a priori, non podo estar de acordo, o médico rehabilitador privounos na última consulta do servizo de ambulancia que ata agora nos transportaba dende o noso domicilio. Non coñezo os regulamentos pero si estes lle dan a razón ao rehabilitador, é preciso revisalos porque a realidade é que a miña dona que é a enferma, non pode camiñar, apenas se mantén de pé. Xa podedes imaxinar o que isto significa: unha pesada cadeira de rodas que dificilmente cabe no coche, na que hai que subir, baixar, volta a subir e volta a baixar ata sete veces cada viaxe. Molestias para a paciente e a dificultade engadida para o coidador, que son eu,(¿quen coida dos coidadores?), de ter que apuxar a malfadada cadeira pola costa imposible da citada rúa. E xa non digo máis se por riba chove.
Por si todo isto fóra pouco, aparcar nesta zona non é doado, abondan limitacións de todo tipo, garaxes, carga e descarga e por riba uns macetóns de ferro estratexicamente colocados fano practicamente imposible. Onte atopei de milagre un aparcamento a rentes da entrada a un garaxe. O noso coche excedía, podo xuralo, apenas unha cuarta do límite permitido. Despois de deixar, con gran esforzo, eu xa non son un home novo, a muller na clínica, acomodada na cadeira de rodas a espreita da súa sesión de rehabilitación, retornei de novo ao coche en previsión de posibles atrancos para os usuarios do garaxe. Non houbo grandes problemas, de feito varios coches entraron e saíron sen gran esforzo, soamente un exaltado, un rapaz novo, chamoume a atención. A solidariedade e mesmo a boa crianza obrigan a axudar se cadra e a colaborar cos nosos semellantes neste tipo de situacións. Así que, ¡por favor!, rehabilitador, usuarios de garaxes e mesmo condutores, incluído o susodito rapaz, un pouco de solidariedade, de paciencia e de comprensión.Oxalá que nunca vos atopedes nunha situación como a que nós, e moitas outras persoas, temos neste intre. Así o penso e así o teño que dicir.
