REFLEXIÓNS UNS DÍAS DESPOIS
Séntome diante do ordenador disposto a compartir con vostedes algunhas cousas namentres de fondo está a soar a música dun autor que remata de descubrirme a miña filla, un músico que eu non coñecía e que agora estame a sorprender. Trátase de Sixto Rodríguez, un cantante con certas reminiscencias dylanianas, con pouca produción editada e, segundo din, morto por suicidio no escenario. Con esta música de connotacións acústicas estou a cavilar sobre os encaixes que algunhas formacións políticas teñen que facer co gallo de constituír os equipos de goberno dos concellos onde na maioría van a entrar alcaldes e edís con novos folgos que darán un aire distinto, renovador, á desidia na que se estaba a converter por estes lares a política en xeral e a municipal en particular. E como en moitos municipios non houbo maioría, pois non haberá máis remedio que botar man dos pactos, dos consensos, en suma do que define á política con maiúsculas: do diálogo para chegar a acordos. E chegados aquí hai que dicir que, por desgraza, non abundan os políticos que antepoñan os intereses da xante ás necesidades dos seus partidos e xa que logo non van ser doadas as negociacións e poden xurdir estraños compañeiros de cama, cousa non desexable, que provoquen nomeamentos de alcaldes contra natura. Eu non acabo de ver iso de que goberne a lista máis votada. Son os edís os que elixen ao alcalde e moitas veces os da lista máis votada están en minoría respecto ao resto. E é aí onde son necesarios os pactos, os consensos, os acordos esenciais para andar na procura de establecer un goberno o máis estable posible. E nesas deben estar arestora en moitas localidades onde irromperon con forza os chamados partidos emerxentes que van dar un envorco espectacular aos gobernos de moitos municipios. E non debera botarse man do medo nin crear incerteza polo que pode vir dicindo que os que chegan non teñen experiencia e pode ser un desastre deixar nas súas mans a responsabilidade de gobernar. Pero que ninguén se alarme, pois os que ata arestora gobernaron tampouco tiñan experiencia cando chegaron e vexan como deprenderon en pouco tempo, como converteron o exercicio da política nunha profesión, como foron blindando pouco a pouco os seus privilexios, como medraron e saíron a flote desa estafa á colectividade chamada crises. Moitos chegaron proclamando a súa vocación de servizo público e remataron incrementando o seu beneficio privado a base de corruptelas e de venderse ao mellor poxador. Con políticos desa catadura a política chegou ás súas cotas máis baixas e oxalá os que veñan non segan este exemplo. A cidadanía clamou e apostou polo cambio e a renovación, pasou a trocar de caras e de partidos, por tratar de facer os cambios dende dentro, dende as mesmas institucións. Os políticos da vella garda están que se ciscan de medo e ao mesmo tempo tratan de asustar ao persoal emitindo a mensaxe de “ou nós ou o caos”, pero eu estou convencido de que dificilmente atopemos un caos maior ao que nos meteron os políticos “expertos”, así que tranquilos pois seguro hai outras formas de gobernar que vaian na dirección de andar na procura do ben xeral e non pensando so no beneficio duns poucos. Unha utopía posible, penso eu. A partires do día 13 as cousas poden, de feito van cambiar en moitos sitios e pode que sexa o prologo do gran cambio que se pode producir denantes de fin de ano. De vez en cando o pobo fala e decide. Así é a democracia e así os demócratas debemos aceptalo.
