Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Dos pecados capitais ningún máis corrosivo que o da envexa. Puro proído, mesmo veneno, carcinoma para o envexoso, incapaz de tirar nada pracenteiro do seu defecto. Porque a avaricia, por citar o outro pecado capital que ninguén recoñece (os cinco restantes non hai problema en admitilos) aínda lle da gustiño ao seu protagonista. Non esquezo a aquel nachiño nedense, forriche como poucos no mundo, quen andaba feito un vandallo, fraco ademais cal galgo en Coresma, de puro non gastar. Ah, mais cando viña unha raiola como desfrutaba poñendo nun mantel riba da herba do seu hortiño a colección de moedas de ouro na que investía canto gañaba en non sei que oficio manual. Morría de gusto.

Mais os que sufren de envexa eu non sei que raios de satisfacción atopan, sufridores integrais cando baten diante súa co careto do envexado. Cousa máis dura se este e máis o cobizoso son da mesma familia. España, sospeito que con fundamento, ten fama de país de envexas. Noso é o conto do envexento que preguntado polo rei que agasallo quería mais coa condición de que o veciño levase o dobre vai e pide ao monarca que lle arrinque un ollo.

Envexa: “tristeza del bien ajeno”. Ou iso dicía o Catecismo do Padre Ripalda. Fermosa definición para definir o que me expresaba o outro día unha colega diante de certa canonxía laboral da que desfruto. Claro que a señoriña dicía sentir “envexa sa”. Algo así como experimentar “luxuria casta”. Un bo disparate.