Tempos
Hai xusto unha semana, o pasado domingo día 20, andaba paseando ou navegando pola rede en procura dunha información sobre Enrique Guzmán e Los Teen Tops, que, a comezos dos anos sesenta do pasado século, andaran moito por España, actuando e gravando. Creo que xa o contei nalgunha ocasión, como consecuencia da nevada de 1963, unha das escasas veces en que a neve callou en Ferrol, collín unha neumonía que me levou á cama e ó repouso case absoluto por uns cantos días. Meus pais pensaron que era unha boa oportunidade para mercar un aparello de televisión –un Anglo, recordo, que convivíu anos connosco, con moi bos resultados por certo– e nel, coa comodidade do lar familiar, puiden parte da escasa programación que se emitía daquela. Ademais de telexornais –a radio, coas noticias, sempre presente á hora do xantar, pasara a segundo plano–, fútbol e outros deportes, series como Bonanza..., vin tamén programas musicais. Lembro con pracer e con certa nitidez o titulado “Escala en Hi-fi”, que presentaba o cantante Mochi e no que actores nesa altura non moi coñecidos daban vida ós intérpretes dos temas que encabezaban o hit-parade. Os incios do play-back. Os que mellor recordo son a viguesa Gloria Cámara, agora podo confesalo, porque me gustaba, e Luís Varela –hay pouco aínda andaba por Camera Café–, porque facía de Enrique Guzmán cantando “Dame felicidad”. Neste caso do que gustaba era a canción. Pois andando nestas, batín co número dese día dunha publicación electrónica mexicana, Milenio.com, no que se falaba de que o Festival Internacional de Cine de Guanajuato (GIFF) dedicaba este ano a súa homenaxe nacional a Ángela María, a chamada “Novia de México”, entregándolle o 25 de xullo, antonte mesmo, a Cruz de Prata do traballo por seis décadas de dedicación á música e á interpretación. A parte musical da celebración poñeríana Los Teen Tops e a parte cinematográfica consstiría na proxección do filme 5 de chocolate y 1 de fresa (1968) de Carlos Velo, “por ser una de sus películas favoritas”. Ángela María tamén andou por España, cando Guzmán, os Teen Tops e algúns outros cantantes mexicanos, nos primeiros anos sesenta. Ningunha noticia tiña de que Ángélica María, que traballara sobre todo en películas de ambiente xuvenil, sen maiores pretendións, fose a protagonista do filme de Carlos Velo. Nin tampouco nada sabía de que era filla da segunda muller do cineasta ourensán, licenciado en bioloxía que salvou a vida tras o levantamento militar fascista de 1936 exiliándose en México, onde, ademais de participar activamente na política cultural dos galegos en México (Patronato da Cultura Galega, revista Vieiros...) desenvolveu unha importante carreira cinematográfica. Esta súa longametraxe, 5 de chocolate y 1 de fresa, estreouse en México nos días finais de 1968, baseada nun guión escrito por Fernando Galiana, José Agustín e el mesmo. José Agustín, coñecido escritor e guionista, nesa altura aínda moi novo, foi, así mesmo, o autor das letras das cancións que Angélica María interpreta na película: “Es preciosa la casita /Y la gente /Presente y formal /Que hay aquí://¡Sus prejuicios tan hipócritas me enferman! /¡Su dinero y sus costumbres me dan risa! /¡Lucen falsas siempre todas sus sonrisas! /¡Que triste sociedad!//Les ofrezco mi desprecio /Y deseo se destruya/Su cruel mundo /Decadente, triste y fugaz..., di a titulada “Fiesta de sociedad”. Trátase dunha máis que interesante historia que eu nunca tivera oportunidade de ver, mais que puiden facelo nesta semana porque está colgada na rede. Recoméndoa. Xa pechando estas liñas puiden ler na prensa dixital mexicana un anticipo do que foron os actos de homenaxe a Angélica María. Máis de mil persoas asistiron á proxección da película de Velo protagonizada por ela protagonizada. Cantou ademais “A donde va nuestro amor” e Los Teen Tops interpretaron éxitos seus como “La Plaga” o “Popotitos”. Que tempos!
