O paralelo
As autoridades lingüísticas galaicas traballan desde hai anos no proxecto de microtoponimia, o que vén sendo algo así como rexistrar a denominación autóctona de todos aqueles lugares que son designados polo conxunto poboacional. Non sei como anda agora o estudo, supoño que a ausencia de bolseiros ou persoal similar deixaría o asunto algo parado ou simplemente, sen iniciativa. Coa colaboración de todos de modo desinteresado e por canais virtuais daríalle un empurrón considerable a tan magno emprendemento. Pero xa se sabe, que se non hai fondos, non hai nada.
Recordo que dúas denominacións de lugar levantou algunha que outra discusión e revisión polo miúdo de códices, manuscritos e referencias desde as orixes do idioma galaico. Unha delas solucionouse pronto: era a que se refería a un camiño chamado a ruta de Birmania. En concreto, o tal sendeiro non era máis que un atallo polos montes e carreiros que aforraba tempo aos rapaces que ían coller a lancha do Seixo para desprazarse a traballar ao Arsenal da ría de Ferrol. Un estudoso das raíces do galego non encontraba relación histórica entre a denominación que oíu e o idioma natural, nin tirando do indoeuropeo, algo que intentou por aquilo da proximidade entre países asiáticos. Só faltou que alguén avalase que monxes budistas viñesen por aquí facer proselitismo como druídas de antano.Finalmente, a denominación de ruta de Birmania non era máis que a forma que tiveron aqueles cativos que viviron a guerra mundial no Extremo Oriente en imaxes do NODO e que, con sentido do humor, asociaron o tortuoso camiño até a China co difícil traxecto até o embarcadoiro. O nome aínda permanece, aínda que sexa en reviravoltas asfaltadas.
Outro topónimo que si orixinou máis tempo de estudo e análise foi o de Paralelo, de tal modo que desprazou ao antigo. Non encaixaba para nada un nome tan grego en territorio salvaxe galaico e moito menos que chegase até á actualidade. Así que ou ben Pericles estableceu unha base na zona ou non tiña sentido. Como no caso de Birmania a tal denominación dobremente xeográfica debeuse á ocorrencia dun home que observou que un poste da luz eléctrica tiña unha chapa co número 38, así que asociou o algarismo á guerra de Corea e desde aquela época é a nomenclatura oficial, de tal modo que ninguén vive nas Pezoas, o modo tradicional, senón no Paralelo, en sentido humorístico.
Eran tempos escuros en Galicia cando afloraron aquelas denominacións toponímicas de sentido humorístico. Anos máis tarde outro conflito que houbo que solucionar nun mapa, como foi a guerra do Vietnam, non tivo repercusión paralelística nin sequera no número 17. Naquela época, os galaicos estaban dispersos por Europa e máis preocupados de retornar, converterse en empresarios de bar de poñer en neon a súa segunda patria.
