Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

As pensións non son unha excepción

Pretender acadar un equilibrio no sistema de pensións públicas exclusivamente a través das cotas, cando medra o desemprego e a economía en negro, e polos máis diversos motivos se rebaixan as cotas da seguridade social que pagan directamente os empresarios, é unha meta  imposíbel de conseguir. Non se poden manter as condicións actuais das pensións cando todos os escenarios que se planifican para o futuro, dende os sucesivos gobernos, sexan do PP ou do POSE, minguan as fontes de recursos do sistema.
Lembremos que cada vez son máis os patróns que contratan por menos horas das que realmente se traballan, especialmente na pequena empresa. Asemade, os salarios están en caída libre, só o ano pasado baixaron un 6,6% na Galiza. Fraude nas cotizacións empresariais, menos salarios afogan os ingresos da Seguridade Social. Asemade, canto máis horas fagan os traballadores e traballadoras por menos salario e sen cotizar, maior será o desemprego, especialmente cando é normal superar a xornada máxima legal. Con esta folla de ruta, nunca van dar as contas, nen sequera nun escenario cunha taxa de desemprego máis baixa. Estanse xustificando solucións elitistas, nas que a as pensións quérense transformar en prestacións asistenciais, dando pulo aos fondos privados, ao negocio das pensións en mans de bancos e aseguradoras.
Polo tanto, tendo razón aqueles que argumentan que o Estado español ten aínda un importante fundo de reserva para atender as dificultades, e que o gasto neste concepto é a metade do que asume Italia, dende as esferas do poder pechan os ollos e tapan os ouvidos, xa que é unha música que non queren atender. Nesta etapa da globalización neoliberal, na que se sacraliza a cobiza todo debe servir para obter lucro, polo que non existe máis razoamento que a lei da selva. Todo semella indicar que neste tema non se quere facer unha excepción, aínda que atinxa un colectivo moi sensíbel. Existen outras solucións para as pensións, especialmente en sociedades cunha produtividade tan alta, mais tamén para o desemprego e os servizos públicos. Porén esas vías significan tocar privilexios; ou sexa, é algo que se debe conquistar.