Eduardo de Guzmán e a novela de xénero
Non será a primeira vez que desde estas páxinas nos deteñamos a falar sobre a novela de xénero. Aínda sendo este un tema bastante espiñoso, por canto cinxir ou tentar colocar marxes sempre será unha cuestión complexa, certamente debemos levar en conta que si se poden dar unha sorte de principios básicos que nos capacitan á hora de estabelecermos modelos e características propias que respondan a tal peculiaridade.
A primacía da acción, do protagonista como sorte de heroe, do lugar onde esa acción transcorre, mesmo o posíbel misterio de arredor da trama, son consubstanciais, por exemplo, ao xénero de aventuras. A empatía que a tal acción sexa capaz de crear no lector é tamén un elemento a destacar, xa que a identificación deste cos feitos son unha fórmula segura de éxito. E no caso de iren acompañadas de protagonistas infantís e/ou xuvenís, máis posibilitarán unha boa acollida dunha parte ben significativa do público lector. Así pois, os A. Dumas, Salgari, Verne, W. Scott, R. L. Stevenson, J. London, R. Kipling, Tolkien e outros souberon fixar e inmortalizaron o xénero.
A novela tomou voo no séc. XIX; foi a súa época dourada –realista e naturalista, e a romántica antes–, foron os xéneros máis exitosos naquela altura. O mundo lector, ademais, xiraba de arredor da muller. A novela por entregas estilábase nese momento e a técnica de deixar inconclusa ese parte que se compraba, abandonada nun punto en que se xeraba a intriga, e coa necesidade implícita de querer coñecer o que despois fose acontecer, primaba sobre todo o demais. Pero pouco a pouco, a novela de aventuras tamén irá cobrando un papel relevante no proceso de alfabetización. Sucederá, maiormente, ben entrado o propio séc. XIX, hábito que xa non se perderá.
Pero queriamos falar de Eduardo de Guzmán, e da novela de xénero, e sobre todo da novela popularmente coñecida como de vaqueiros. Asinábaas, como viñemos saber por un artigo de Siro, co pseudónimo de Edward Goodman, ben enxeñoso alcume so o que se esconder o verdadeiro autor. E é que E. de Guzmán non o tivo nada fácil. Ingresara en prisión despois de serlle conmutada a pena de morte pola cadea. Sairá dela en 1943 (liberdade condicional), e prohibiráselle o exercicio do xornalismo a perpetuidade. Era anarcosindicalista durante a República, redactor-xefe do diario La Tierra, e, entre outras reportaxes, as del e as de R. J. Sender deron a coñecer as atrocidades acontecidas en Casas Viejas en 1933 durante o bienio negro.
Vivirá dedicándose á tradución de libros, pero tamén á escrita de novelas policíacas e do Oeste. Chegará a escribir máis de 400 títulos. Eduardo Haro Tecglen, nun artigo de 1991, fai un panexírico del. Entre outras, cóntanos: “Muchas veces se basaba en obras clásicas para apurar su inventiva, que no podía cesar ni un día. Un joven llega a su pueblo ganadero después de haber estudiado en la Universidad; su padre ha muerto, su madre se ha casado con el hermano del padre. Empieza a escuchar rumores de que su padre fue asesinado por el tío: investiga, prepara trampas y, al final, su Colt del 45 se toma la venganza: Hamlet podía así pasar en Arizona”.
Pero é que de Marcial Lafuente Estefanía tamén nos falou este domingo Freixanes, que seica comezara a editar as súas noveliñas en Vigo na Editorial Cíes, e xorde, cousa curiosa, do talento e da necesidade dun antigo oficial do exército republicano acabado de saír da cadea. Pola súa parte, Siro facía no seu artigo unha reseña do recentemente falecido Luís Mera. Este, sen libros na súa casa, disque comezara de adolescente a ler novelas do Oeste, de entre as que destacaba non tanto as de Estefanía canto as de Edward Goodman, na súa trama sempre distinto e imprevisíbel. Alugábaas nun pequeno quiosco de Santa Icía.
O dato retrotraeunos ao tempo da nosa infancia. No desaparecido quiosco de Nieves, da Porta de Canido, amontoábanse as noveliñas de vaqueiros nun lado do mostrador. Os incondicionais, ao igual que relata Siro que facía L. Mera nos anos 50 en Sta. Icía, no Canido dos 70, os homes íanas alugar, e as noveliñas rosa as mulleres. Esa subliteratura tiña os seus adeptos, feliz maneira de adquirir desde abaixo o hábito da lectura, pois aínda a televisión non trouxera a desafección por ela.
Sorprende ver homes que como Eduardo Guzmán se viron na necesidade de ter que recorrer a ese tipo de escrita para sobrevivir. Só coa publicación de Aurora de sangre, biografía novelada sobre a vida e morte de Hildegart, froito dunha entrevista feita por el a Aurora Rodríguez Carballeira no cárcere, é cando se producirá a viraxe final da súa obra a esoutro tipo de literatura máis estimada por el. Coa morte do ditador virá a eclosión, coa publicación de distintos ensaios sobre a República, a guerra e a posguerra. Que soamente fose por ter conseguido entreter a tantos coas súas noveliñas (policíacas e) de vaqueiros en tempos de tristura, xa damos por ben empregado o talento deste home poliédrico purgado pola ditadura.
