Por onde virá Castelao?
Por onde virá Castelao?, dicía Pedraio polas rúas de Bos Aires,na agarda do irmán exiliado. Eran os anos 50, fanada xa a espranza de que os demócratas aliados axudaran ao goberno exiliado da República contra a dictadura franquista. Os dous irmáns sabían que sería a derradeira vegada que se vían. Por iso as bágoas e a infinda aperta daquel adeus. Cicais falaron dos querubíns de Seoane. Das reunións compostelás a redor da mesiña de Piñeiro ou de García-Sabell. Aquelas cabezas con azas que na resistencia nazonalista do interior adicábanse aos xogos florais e a atoar os intentos políticos dos exiliados (Castelao, Seoane, Lorenzo Varela, Blanco Amor...) de actuar contra o réxime. No café Derby uns cantos mozos lían de estraperlo o Sempre en Galiza mentres outros, á sombra do afiador Brais Pinto, en Madrid, loitaban dende a súa mocidade pola conciencia secuestrada da Galiza.
A dereita galeguista non foi unha na súa actitude tralo golpe militar. Alomenos houbo dous posicionamentos moi distintos. Pedraio representa á dereita galeguista ética, leal á República, non colaboracionista co franquismo a pesares de vivir dentro do país. Filgueira Valverde representa á dereita galeguista inmoral.
A que non só renunciou á legalidade republicana, a defender a Bóveda e outros asasinados, senón que colaborou activamente coa dictadura exercendo nada menos que de alcalde de Pontevedra e Procurador daqueles que asasinaron con saña e exiliaron a media Galiza. Aqueles que perseguiron e aldraxaron á lingua e cultura galega.
O labor floral de culturalismo fica en poeira perante isto. A escrita de etnografía ou o traballo do Museo de Pontevedra non vale nada para lavar as mans, como non lle valeu a Fraga a súa presunta reconversión posfranquista para ter un lugar de honra na historia da Galiza, na historia que escribimos os povos, sempre vencidos. Concederlle o Día das Letras Galegas a Filgueira Valverde non vai limpar tanta podredume. Xuntar ao fillo del e ao neto de Bóveda para reconciliar o irreconciliabel tampouco. Ás veces a parentela é a que máis magoa a memoria dos bos e xenerosos.
Por onde virá Castelao? E Castelao foi polo vento (o vento sanguiñento do feixismo nacionalcatólico) e veu polo aire, polo aire lurpio da Xunta do PP. Non veu que o trouxeron, os mesmos que o soterraron na Chacarita. Cando ti volvas polo mare. E non houbo regreso. Xa no ano 1966, Fraga, recén forneada a lei de Prensa andaba rosmando por traer as cinzas de Castelao. Quería mudalo nun artista apolítico como a Rosalía. Don Manuel acababa de condear a multa e cadea a Alberto Míguez por escribir a verdade naquel libriño titulado O pensamento político de Castelao.
Xustamente por amosar o pensamento político do Sempre en Galiza. Ferreiro cantigaría esta desvergoña en Olla meu irmán. Cantiga que lle poderiamos cantar hoxe na entrega das medallas Castelao ao presidente da Xunta: Non pasará o contrabando dese teu noxento estrume, que estás incurso en delito de apropiación indebida... Así, anque Castelao dixera que non tiña vocación de estatua, iso mesmo foi o que fixeron con el, unha estatua falsa que nos acusa a todos os galegos de ben. Seoane e as cicatrices da memoria! Sempre abertas.
Pasar páxina a tanta miseria e represión é falsear a historia contemporánea. As novas xeracións terán que volver a escomenzar, un paso adiante e outro atrás, Galiza, como a mocidade do Brais Pinto. Cando Castelao preguntaba en 1946 aos galeguistas do interior se había ou non guerrilleiros nos montes da Galiza nunca maxinaría que no século XXI moitos galegos tampouco saben a resposta. En 1963 Herminio Barreiro en La Noche, cicais alumiado polo quinqué de Trasalba do que falaba Castelao exiliado, criticaba con afouto a falla de compromiso político dos querubíns piñeiristas. Aqueles culturalistas de Galaxia. Eses que hoxe reciben aplausos, tertulian e publican. Ferrín explica nas Conversas que os mozos ignorábano todo da historia recente. Verbas de rabiosa actualidade hoxe na meirande parte dos mozos e en democracia, o que é ben máis grave.
Mais hai fírgoas de resistencia anque as agochen coa nova censura. Como as houbo cando trouxeron a Castelao a Bonaval e os rianxeiros marcharon tras recoller o corpo ,para non participar na cerimonia da soinamoina autonomista. Houbo pintadas de Castelao é noso en autobuses. Houbo paus e detidos. Resistencia!. Contra os homes-cuco dos que falaba Seoane.
Contra os que coidan dende a Academia Galega que abafamos a lingua por defendela. Contra os que aldraxan a lembranza de Bóveda e Calero!. Resistencia! Porque aos galegos domáronnos e castráronnos tanto ao longo da historia que só sabemos loitar coa Resistencia. Coma os bois. Non mansos, senón resistentes! Agardando sempre en poder completar o único soneto no mundo de trece versos, aquel que lle escribiu o esquecido Lorenzo Varela a Castelao: Cando cheguen os tempos non chegados, cando canten as maus traballadoras... A censura fraguista suprimira o noveno verso que dicía: Unha nova Galicia sen cadea.
Entramentres, os querubíns seguen a facer das súas no bestiario, con be, de besta brava.
