TODO XIRA: PORTAS E CADEIRAS
Sabiamos das portas xiratorias, esas obras maravillosas de ebanistería requintada pola que parentela e amigos crean empresas para se engrosar, xunto aos polítiquiños caciquís do medioevo, a riqueza creada polo povo. Os pequenos, no seu gosto xogoral, coidan, anxiños, que as portas xiratorias son esas como a do edificio de Correios en Ferrol, á que entras e veña de lle dar voltas e voltas e non das saído nin entrado!. Que diversión inocente a da neneza, pervertida na podremia da adulteza!.
Mais agora, na Estrada, os científicos das nasas, non os da Nasa, veñen de atopar un buraco mouro, preto como o dos ceos!. A Xunta acaba de anular a compra de 185 cadeiras xiratorias de case 2000 euros cada unha! Nin as portas dos correios son tan custosas! Parece que a Axencia Galega de Emerxencias precisa xirar moito nestes tempos eleitorais. E parece tamén que Europa non é quen de fiscalizar máis ca os nosos aforros! Porque son fondos europeos parte dos adicados a mercar estas cadeiras máxicas!. 368.457 euros! Menos mal que o ive ía incluído!
Ao que parece non se trata dos xiros que estades a cismar, senón que é amor polo teleoperador e respecto pola seguridade no traballo e a prevención de riscos laborais. Base xiratoria de cinco puntas, regulación de altura do asento, preparación para usos intensivos, respaldo ergonómico, curvatura regulavel na zona do lombo, cabeza superior regulavel para soster o pescozo... Nada, que para unha vez que a dereita se preocupar da saúde do traballador botamos as mans á cabeza e hai que anular o contrato xa publicado no DOG! Que tempos estes paradoxiais!
O señor Rueda, responsavel deste departamento anda rodado!. Non importa que el fora o que criticara ao bipartito polo derroche en mobiliario noutros tempos. Nada a comparar!. As cadeiras son mobles esenciais para o teleoperador. E que dizer da súa ancestral tradición...Quen ocupa o máis alto cárrego na universidade senón o cadeirádego?
El era quen sentaba en cadeira axeitada, non como o resto que como moito só accedían a un pupitre cutre de mala madeira de piñeiro.
Algúns mátanse por unha cátedra que non custa, nin moito menos vale, o que unha cadeira destas ergo-nómicas da nómina dalgúns. Claro que as cadeiras teñen que ter respaldo e brazos, coma os caciques metidos a políticos ou viceversa. Mentres que os tallos e as sillas son dabondo incómodas para alguén que atende as emerxencias desta nazón tan pouco emerxente! Quen pode maxinar xiquer que a calquera preto dos estados unidos da liberdade íano axustizar en cadeira eleutrica? Sería un despilfarro abraiante no líder planetario. Aínda ben non enxergo cómo non son quen de axusticialos en tallos eleutricos. Aforrarían moitos cartos para os brancos lixiviados e organoclorados portadores dunha ética requintada e herdada.
Sinceiramente, na Galiza, con tan poucas emerxencias na súa historia e tan esquecidas e derramadas para a Meseta castelá, non vexo eu necesidade ningunha de ter que pór mobiliario ningún. Eu obrigaría aos teleoperadores a operar de pé como fan, por outra parte, os cirurxáns sen tanto requilorio! A que ven tanto luxo oriental, cando éstes sentan en loto a meditar, xantar e o que fazer falla. Incluso nin xiquer se precisa un edificio físico para a axencia, poderiamos situala en calquera edificio multiusos para partillar espazos. E así tamén os teleoperadores, nos seus abondosos e seculares tempos mortos, poderían compaxinar o traballo emerxente no sulagado voluntariado preparatorio para o contrato en prácticas a tempo parcial. Así sería ben máis doado xirar dun despacho a outro até dar cos ósos no sartego de rigor, á beira dalgún cadeirádego en funcións que ocupara o nicho de mercado axeitado.
E se vos perdechedes no razoamento anterior tampouco pensedes que eu sei do que estou a falar. Maxinade cómo é que até me veñen de ofrecer un alto cárrego. Mais acabo de renunciar a el por incompatibilidade ergonómica de cadeira xiratoria miolar!.
Son cousas, que dizía sempre meu pai!
