PREDICANDO CO EXEMPLO
Aínda que creo que hai que procurar non perder o humor, nunca fun nada parcial das bromas, mesmo en días sinalados para elas, tal como o de hoxe, o dos chamados inocentes. Menos aínda, en tempos de tanto atraco legal e tanta rapina continuada á que nos están sometendo a saber ata cando. E coa mentira camuflada como bandeira. Isto, xa que logo, non é inocentada. Como se achega o comezo do ano, todo o persoal funcionario ten opción de volver escoller o tipo de asistencia sanitaria que quere utilizar: pública, o réxime xeral da Seguridade Social, ou privada, variadas compañías aspirantes todas a contribuír ó desmantelamento do que é de todos. Nin que dicir ten que na miña extensa vida funcionarial sempre utilicei a sanidade pública. Sei, non obstante, de moi destacados/as militantes de formacións que se din da esquerda que se “benefician” das “vantaxes” da privada. Urxe, pois, máis unha chamada ó abandono desta práctica tan falaz como insolidaria dos que se din probos cidadáns.
