Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Cando penso que te fuches...

…negra sombra que me asombras, / ó pé dos meus cabezales / tornas facéndome mofa.

Escribía no saúdo de autor do meu terceiro libro de poesía “Maríaneda” (1998), que van dende sempre no meu corazón dúas musas nunha: Galicia e Rosalía de Castro.
Dicía tamén, que cando compoño un poema sempre me pregunto se estarei facendo poesía. Aínda hoxe sigo tendo a mesma dúbida.
Comecei a ler a Rosalía sendo un neno gracias ao meu mestre o poeta-segrel don XoséMaría Pérez Parallé, quen xa logo puxo nas miñas mans, á parte de moitos dos seus poemas outros autores, en especial galegos. Foi Parallé pois quen me animou a ler, a escribir, a participar da máxia da poesía.
Nestes pasados días, colexios, entidades culturais e institucións públicas recordaron e homenaxearon á inmorrente Rosalía no 180 aniversario do seu nacemento nunha casa do Camiño Novo, no lugar de As Barreiras, Santiago de Compostela, homenaxe que me enche de satisfación e ledicia. 
A poeta máis coñecida e querida de Galicia e de España, a máis internacional. Traducida a media ducia de linguas extranxeiras. Escritora e muller innovadora no seu tempo, lida e estudiada nas máis importantes universidades do mundo. 
Dicía na estrofa 21 de Cantares Gallegos que: Pasan n´aquesta vida / Cousiñas tan extrañas, / Tan raros feitos vense / Neste mundo de trampa,…
Mesmo hoxe, recordada e querida Rosalía, por moito que turren os que rexen o país coa propaganda de vender ben, bonito e barato, seguimos coas mesmas trampas, anque con máis refinamento. 
Abofé que si, Rosalía. Pasan, como cando vostede moza cousas extrañas, que xa non extrañan por ser o pan de cada día.
Por roubar unha galiña, un par de anos de prisión, e por roubar un millón, de euros non de galiñas das arcas do estado, ou sexa de todos os españois (dos galegos tamén), senón saen libres por obra e gracia de tanta inxustiza, tamén un par deles, que con indulto de gracia poden saír “nunhas semanas de na”:
Din que como onte e antonte a Xustiza en España ten dúas varas de medir, e que se rasantea dependendo da categoría do tipo do “chourizo”, ou sexa da calidade, da categoría, do sabor e do saber. 
Din tamén –poida que sexan murmurios de xente moi mal pensada– que depende moito de se os “chourizos” fosen doces ou picantes, se fosen enrestrados en que chimenea afumaran, se veñen por separado, ou sexa de un en un, do peso e do seu adobo, e se fosen envasados ao baleiro por parella, depende moito, así din, se na tripa de embutir aparecera tan só unha pinga de sangue azul, que xa é moito dicir.
Non, dona Rosalía, agora que os multimillonarios pronto poderán ir de vacacións á Lúa, despois de tantos lustros transcorridos daquela súa loita contra da desigualdade, da marxinación, e da opresión das mulleres, xa ben andado o s. XXI, seguen con aqueles abusos, sumados a outros de agora. O machismo político-social segue dominando.
Os labregos, os mariñeiros e a gran maioría da clase traballadora asoballados pola clase dirixente caciquil. Os propietarios das grandes empresas queren máis e máis, por menos, e menos, e menos. 
Coma antonte, as galegas e os galegos temos que seguir emigrando. Semella que nacimos para enriquecer a outros países. Este vaise i aquel vaise, / e todos, todos se van. Versos doutros tempos que hoxe seguen a facernos pensar e a vergonzarnos de tantas inxustizas.
Adormece o día na sombra dos soños. Facendo malabares, a noite emerxe luminosa na trasmontana do Ancos. A Lúa, eufórica e fermosa recitaba a Rosalía… 
A todas aquelas persoas que loitan pola igualdade de xénero no Día Internacional da Muller e sempre. Ánimo.