Actualizar
Para calquera veciño da cidade medianamente coñecedor do tema, pode resultar sorprendente, a decisión do Concello de actualizar os alugueiros das Casas Baratas de Recimil, poñendo “a prezo de mercado” unhas vivendas que ata hai pouco eran “unha ruína” e había que tiralas. Os que pediron regularizar a súa situación, están a recibir as “Cláusulas do Contrato de Arrendamento”, que recollen unhas obrigas e compromisos, nas que, o único que fará o Concello será cobrar. Entre esas normas atópase a de que, as obras realizadas polo arrendador e a seu cargo, quedarán en beneficio da propiedade. Velaí un negocio redondo: Vostede fai obras, aos cinco anos non lle renovan o contrato, a vivenda queda mellorada, e o próximo inquilino pagará máis. Seguramente estas condicións serán normais no caso de calquera outro propietario, pero aumentar o patrimonio de todos a costa duns poucos, non parece ético nin moral. E do acceso á propiedade, nin falar, claro. Iso é “tabú”. Ou non é?
