HEILDEBERG
Hai meses que me convidaron a pronunciar unha conferencia na Universidade de Heildeberg. Aceptei encantado no seu día e aló fun na semana que se nos acaba de ir. Neste mes de xullo, as universidades españolas andan a realizar os exames da convocatoria extraordinaria, a que antes era de setembro. Pola contra, en Alemania aínda están finalizando as aulas do segundo semestre. Cando a alguén se lle ocorreu crear o Espazo Europeo de Educación Superior –iniciado en 1999 co coñecido, e penso que nefasto, Plan ou Proceso de Bolonia– co obxectivo manifesto de proporcionar certa unidade ós estudos superiores en Europa (hai case cincuenta estados vinculados a este sistema) e así facilitar o intercambio de estudantes, pensábase en que tamén se acabarían harmonizando os calendarios escolares. Mais, alén de desastres de maior envergadura, xa vemos que non, que nin se converxe iso. Malia todo sempre é importante aproveitar as oportunidades de ver in situ o funcionamento do sistema universitario noutros lugares, co obxecto de poder contrarrestar as afirmacións dos dos listillos tipo Wert ou similares que intentan venderche o que non é. Alemania, ademais, é un país do que apenas coñezo nada. Antes desta viaxe, só estivera, e xa hai bastantes anos, en Trier ou Tréveris. Tréveris, a cidade romana dos tempos de Augusto, onde foi decapitado Prisciliano, tiña outros alicientes que había que aproveitar para coñecer: a Porta Nigra, o anfiteatro, as termas, a ponte romana, a basílica imperial, a catedral románica ou, como non, a casa natal de Karl Marx. Desta volta tratábase de ir a Heildeberg. Son, aproximadamente, 80 os kilómetros que separan o aeroporto de Frankfurt desta cidade duns 140 mil habitantes, escasos cincuenta minutos por unha autoestrada con tramos de atas oito carrís. Voei, xa que logo, da Coruña a Madrid e de alí ó aeroporto de Frankfurt, o maior de Alemania e un dos tres máis grandes de Europa, ó carón do londinense de Hathrow e do parisino Charles de Gaulle. Como nunca estiven no inglés, non podo facer comparación ningunha, mais si podo facela co francés –aínda estiven nel non hai moito, viaxando a Florencia– e este produciume a sensación de ser maior. Como fun con Air Europa e volvín con Iberia estiven nas dúas inmensas terminais. Desde elas, como desde as propias pistas puiden presenciar de perto aparatos das compañías máis raras do mundo alí estacionados. O tempo no ar desde Madrid a Frankfurt, e viceversa, é dunhas dúas horas e cuarto, quer dicir, non cansa de máis e menos se se poden facer cousas, como ler, con tranquilidade, algo que sucedeu agás na última media hora do voo de regreso, un tanto movida, o que provocou algunha vomitona, suceso que había anos que non vía. Heidelberg non decepcionou para nada as expectativas que levaba, aínda que o tempo foi irregular, con algunha que outra chuviscada. A cantidade de estudantes e de turistas que deambulan polas rúas pode lembrar lugares como Santiago ou Salamanca. A Universidade, onde tiña que conferenciar, é a máis antiga de Alemania (data de 1386) e unha das máis importantes de Europa e do mundo. É pública e conta cun importante patrimonio. Sen ir máis lonxe a Biblioteca Palatina, unha das máis importantes do Renacemento, da que necesariamente ten noticia calquera estudioso de literatura medieval, porque, ademais doutras pezas de incalculable valor, conserva mportantes manuscritos desta época. A dotación dos espazos que vin pareceume moi boa. Gustei do amplísimo comedor universitario, instalado no que foron unhas cabaleirizas, onde a comida se paga en función do peso. Ademais de ver, nun ateigado café, porque así estaban todos, a final do campeonato do mundo (eu, mais caladiño, torcía por Arxentina) puiden ollar e camiñar ó carón do río Neckar e a súa ponte antiga de Carl Theodor do XVIII. Tamén, desde abaixo, que non subín por falta de tempo, o castelo que ten partes do XIII e outras posteriormente. Foi destruído parcialmente en varias ocasións e actualmente está reconstruído en parte. Puiden, así mesmo, pasear polas céntricas rúas con moito edificio barroco e... pouco máis. Por suposto que pronunciar unha conferencia, o motivo que alí me levou.
