ARREDOR DOS NOMES DAS RÚAS DE FERROL
As rúas son os lugares onde nos cruzamos e nos relacionamos coas amigas e amigos, os coñecidos, os saudados, e os que nin tan sequera son iso (que diría Paco Umbral). De sempre, as rúas foron a testemuña da vida social e cultural e os lugares de intercambio comercial da cidade, do mesmo xeito que as prazas son a extensión natural da rúa como espazos de solaz e de convivencia dos cidadáns.
De gran interese son os nome das rúas de Ferrol que, como ocorre noutros sitios, son as páxinas dun libro de historia e de costumes, reflectindo as filias a as fobias dos seus veciños, representados polos políticos de rolda que realizan os seus periódicos cambios.
Dados os cambios de denominación, moitas veces por mor do paso do tempo e outras por simple estupidez, semella de interese que, do mesmo xeito que se fixo noutros lugares, se recompilaran nunha publicación os diferentes nomes das rúas e das prazas ferrolás, pescudando na súa orixe, que moitas veces semella evidente pero que outras non son coñecidas nin as razóns nin mesmo a súa procedencia ou precedencia.
Un xeito de abordar este traballo sería o de facelo por barrios, comezando pola Magdalena, onde moitas das rúas históricas sufriron, polos vaivéns da política, o cambio do seu nome tradicional, aínda que co tempo volveran ao orixinal: Real, María, Sol, Dolores, Igrexa. Noutras ocasións se perderon nomes suxestivos como Terra, Mortos, Olvido. A veces os nomes dos santos fixeron que se esquecera o apelido do persoeiro ao que se dedicou a rúa: San Eugenio, San Diego. En ocasións non se coñece a súa orixe, Rochel, ou teñen un nome máis axeitado dentro da memoria popular, Rómpete el alma ou Costa de Mella.
Os barrios máis antigos, Ferrol Vello e Canido, foron sempre máis coherentes na denominación das súas rúas tradicionais. Ferrol Vello amosa unha serie de nomes que nos están a contar a súa antiga historia: Castro, Cruz, Cristo, Cárcel, Merced, Rastro, Espíritu Santo, ou vemos casos como Carmen e Curuxeiras, que xunta nun único nome os que corresponden a dúas rúas independentes. Similar é o caso do barrio alto da cidade, Canido, onde alternan os nomes antigos de Cangrexeiras, Estrela, Tafona, Muíño do Vento, con outros de personaxes máis ou menos actuais, Alonso López, Pérez Parallé, Máximo Ramos, ou algúns que non se coñece a orixe, Maiola e Alegre (se cadra por sela rúa de volta dos enterros no cemiterio de Canido ?).
Desaparecido Esteiro e o seu Cadro, con eles se foron nomes da historia ferrolá, algún tan merecente de conservarse como Marqués de la Ensenada ou o Campón. Os nomes dos santos Carlos e Fernando trocaron polos dos reis Carlos III e Fernando VI, únicas rúas do barrio histórico que quedaron como lembranza. Mentres que Caranza foi engadindo nomes ao seu rueiro segundo as comenencias, os novos barrios de Recimil e dos Ensanches A e B introduciron nomes máis recentes e normalmente máis rutineiros. Por certo, xa pasaron moitos anos para continualo uso de denominacións oficiais tan pouco afortunados como Ensanches para denominar a dous barrios que se poderían chamar de maneira máis axeitada, por exemplo, Inferniño e Bertón.
Percorrendo o rueiro de Ferrol vemos como aparecen nomes que a penas teñen que ver coa cidade, simplemente porque lle petou a algún “mandamás”. Por outra banda, comprobamos que non teñen rúa en Ferrol, por exemplo, coñecidos ilustrados como Lucas Labrada, Caamaño y Pardo e Fernández Varela, ou reputados escritores como Alberto Camino e Emiliano Balás; que teñen rúa en Neda, Victorino Novo, ou na Coruña, Juan Flórez; ou que recentemente se lle quitou de xeito vergoñento o nome dunha rúa da urbe a José Canalejas.
Outrora, cando eu era mozo, deixábanme escribir nas revistiñas da cidade: Ferrol Diálisis, Cartóns Ártabros, Cadernos da Atonía Ferrolá, Poesía Galáctica, Aulas na Corredoira, Ecce Mono ou Fundación Ferrol Monopoly (quizais trabuquei algún nome polo moito tempo que xa pasou diso).
Calquera destas prestixiosas publicacións, na vez de falar dos asuntos doutros planetas, e sen que serva de precedente, desta xeira poderían facer un favor aos inexistentes estudos locais de Ferrol e levar a cabo un traballo sobre os nomes das rúas e prazas da cidade.
