CARTAS REAIS
Meu querido amigo. Xa sabes a difícil situación familiar que atraveso. Teño unha filla divorciada, ou repudiada como decides por aí, e un xenro que me saíu amante celoso monetario, tanto que non podía deixar diñeiro solto nunha mesa porque chegaba el e os céntimos voaban. En fin, que che hei contar que ti non saibas. Ademais por aquí a xustiza anda a iso e por uns cantos millóns van levar á miña filla ante o xuíz, cando a pobre non sabía nada das andanzas comisionistas do seu marido.
Estou nunha situación desesperada con este xenro e pensei que ti poderías axudarme. Sabes que este rapaz casado coa miña filla é un gran deportista e pensei que con tanto mundial que ides celebrar no teu país podíaslle encontrar algún emprego. Xa sei que non ten idade para correr, saltar ou lanzar pesos, pero é un excelente relacións públicas e moi valorado, polos menos iso di a prensa a teor das comisións que conseguiu, aínda que non este titulado nin masterizado. Confío en que lle encontres un apaño e envíocho para alá en tres días, que o aire do golfo sentaralle ben, polo menos xa está afeito.
Por certo e antes de que se me esqueza, se tedes algún traballiño para aquí, sabes que estamos á túa disposición. Se queredes construír un tren bala, unha urbanización con campo de golf ou algúns barquiños de guerra para a vosa Mariña, estamos á túa disposición, xa sabes que os coreanos eses anda algo revolucionados e nunca está de máis ter unhas lanchas rápidas, que sempre se poden converter en iates de luxo.
Até aquí esta podería ser a carta dun pai desesperado pola mala sorte que tivo cun xenro sen oficio nin beneficio. Si esta misiva caese en mas dun xuíz, o remitente estaría imputado por tráfico de influencias. Os nosos procesados galaicos van de visita xudicial a Lugo por conversas telefónicas parecidas, pero se é o xefe do Estado entón a este tipo de recomendacións chámase traballo polo interese xeral.
Nos últimos anos a monarquía española meteuse nunha espiral da que vai saír mareada, sobre todo tendo en conta que a mesma institución a que reabre sempre o seu papel legal no Estado e recorda que case é unha disposición transitoria metida nun paquete de medidas como é a Constitución.
No suposto de que existise a carta, non me queda máis que recoñecer a incompetencia da dirección de Navantia por non saber buscar carga de traballo para os asteleiros e que coñecen dos concursos para construción de barcos polos anuncios por palabras e que esa empresa non é máis que outro instrumento do Estado para lavar os trapos familiares. Que lle mande o rei outra carta a Peña Nieto para desbloquear os contratos de Pemex.
