Lembranza das mulleres de Ferrol
o Foro de Amigos de Ferrol salienta que o pasado 8 de Marzo celebrouse o Día da Muller Traballadora, unha xornada que ano tras ano vai gañando maior forza e difusión nos medios de comunicación. O anterior ano 2017 e o presente 2018 foron considerados de xeito unánime como os anos das mulleres e do espertar feminino. Para algúns e algunhas o ano 2017 foi o ano do dolor e este 2018 vai ser o da esperanza. Nunca como neste intre saíron á luz tan grande número de denuncias de abusos contra as mulleres, e tampouco nunca se viron tantas mobilizacións femininas, ben de protesta, ben de reivindicación de dereitos.
Neste contexto, cumpre lembrar que Galicia é unha terra onde as mulleres tiveron de sempre un papel fundamental na historia do país. Desde as lendarias figuras de María Castaña e de María Soliña, poderíanse citar a Isabel Barreto, a primeira e única muller que tivo o mando dunha flota española, María Pita, Rosalía de Castro, Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán, María Casares e a ferrolá Concepción Arenal.
Falando de Ferrol, un membro deste Foro, colaborador habitual de Diario de Ferrol, nunha serie titulada ”Gentes que hicieron Ferrol”, ven de publicar as biografías de cinco mulleres, que naceron e/ou traballaron en Ferrol, merecentes do recoñecemento debido ao seu labor en diferentes campos da arte, da literatura e da ciencia. Trátase de Ángeles Alvariño, Carolina Casanova, Elvira Lacaci, Ángela Ruiz Robles e Xohana Torres.
Noutro aspecto débese citar lembrar a notable publicación de Siro López, titulada “Xente na Brétema”, onde o artista ferrolán presenta unha mostra artística e literaria dunha serie de persoeiros populares, entre eles varias mulleres protagonistas da historia máis íntima e entrañable da nosa cidade. Son os casos, por exemplo, de A Champana, Maruxa Racú, A Tarola e Maruxiña “nunca cheghamos”.
Da mesma forma hai que mencionala publicación “Ferrol en feminino”, editada o ano 2009 pola Concellería da Muller de Ferrol, onde se fai un completo percorrido polas diferentes mulleres que estiveron relacionadas coa historia da cidade. Nesta ampla lista aparecen figuras históricas como Juana Díaz de Lemos, fundadora do Hospital de Peregrinos, e a marquesa de San Sadurniño; personaxes reais que visitaron a cidade como Mariana de Neoburgo e Isabel II; mulleres destacadas pola súa actividade na vida política; mesmo controvertidas figuras como Hildegart. Inclúense na publicación, co seu nome ou de xeito xenérico, as mulleres do mundo do traballo e asistencial que deixaron a súa pegada na cidade: carboeiras, augadoras, lavandeiras, mestras, coidadoras da saúde e relixiosas.
Desde o Foro de Amigos de Ferrol coidamos que sería un cumprido homenaxe que as mulleres das que estamos a falar tiveran a súa lembranza nas prazas e rúas da cidade. Hoxe en día tan só Concepción Arenal, Ángeles Alvariño e Ángela Ruiz Robles teñen algún recordo na cidade de Ferrol. Soamente unha rúa e unha estatua dedicadas á primeira delas e as correspondentes placas lembrando o traballo das outras dous.
