CLEANET E CONSTITUCIÓN
A situación das traballadoras de Cleanet resume desgrazadamente ben a impotencia do réximen constitucional do 78. A privatización do servizo de limpeza conclúe co impago dos salarios dos últimos 3 meses. Aquela Constitución xa non pode hoxe evitar o sufrimento e a necesidade que sufren cada vez máis persoas. Os propietarios da empresa xogan coa vida das familias das traballadoras sen que a administración reaccione e pase das palabras aos feitos: a rescisión e a sanción a unha empresa pirata. O bipartidismo afogou os contidos sociais e progresistas da Constitución para levarnos a este deserto social ao final do cal si hai unha terra prometida, pero só para as clases privilexiadas: directivos das grandes empresas, banqueiros e todo o cortello de especuladores, conseguidores e corruptos áulicos dun poder que non atura que sexamos cidadanía con dereitos e dignidade. Esa loita polos dereitos, por vivir do traballo realizado é o que fan as mulleres de Cleanet, e tantos outros. A súa loita nos defende a todos e constrúe un mañán mellor.
