ANNE MARIE
Parei no Reina Victoria falar con Greta. Greta é unha cubana, doce como guaiaba, pero co carácter forte que ben pode ter a manigua, que leva a taquilla do Reina.
E falando con Greta albisco unha sombra esbelta camiño da porta. Unha sombra con glamur, sombra delgada que se move con axilidade ao contraluz do sol do serán no limiar entreaberto do teatro. E eu intúo que eu xa vira esta sombra moitos anos atrás.
Sombra con maillot apretado e plumas, sombra na apoteose final dun espectáculo de revistas. Ferrol. Teatro Jofre, verán do ano 1969, eu facendo prácticas de entrevistador ventureiro da man de don Coché Torregrosa. E nun camerino, despois da representación de “Todo el monte es orégano”, Zori, Santos e ¡Anne Marie Rossier!, xeitosísima “vedette”.
Un de nós demandara da muller escultural cousa opinaba do amor libre. E dixo Anne Marie, con sorriso condescendente para aqueles pimpíns, que entre home e muller todo era bo, todo estaba ben. E foi para o fondo do camerino co andar gatuno que aínda lle vin á súa sombra tantos anos despois.
