ÓRDAGOS PARA O PP
Máis alá da artitmética que lle dá ao PP unha total autonomía para aprobar e/ou derogar leis e decretos, os resultados do 20-N interiorizan previsións contraditorias. En palabras de Gallardón, o éxito indiscutible na contabilidade electoral, e na espesura do poder acadado, ben poidera ser considerado nas actuais circunstancias como premio e castigo a un tempo. Con non ser moi alta a cifra dos que, non estando antes na órbita da dereita ideolóxica, aceptaron sumarse ao que a propaganda electoral definiu como cambio, a enorme distancia que o separan do estigmatizado e humillado PSOE abomba a vitoria ata facer que pensemos, erroneamente, que o partido, Rajoy e o seu goberno teñen garantido para os próximos catro anos un salvoconduto de seguridade a proba de sobresaltos. Vexamos en que entendo eu que van sufrir tanto éxito acumulado.
En primeiro lugar, case once millóns de votos conforman no seu espazo de poder –un mapa case totalmente poboado de gueivotas– un depósito de espectativas que desborda a capacidade que por si mesmos teñen esa forza política e o seu líder de xerencialas e darlles saída. Vexamos. O plus do seu ascenso ata a maioría absoluta –545.000 sufraxios a maiores dos conseguidos en 2008– procede dunha cita a cegas, optando por esa sigla levados pola corrente de cambio, polo desasosego e a necesidade de supervivencia. Porén, a crise da que son inxustamente vítimas é estrutural, e derborda tamén ela mesma en crise económica, política e social. Nada menos. Salvar esa treboada perfecta, que ten nos mercados e no directorio da UE o seu epicentro económico e político, non vai depender en exclusiva de Rajoy e do seu goberno. Se, como xa quedou confirmado na campaña electoral, se van someter aos compromisos pactados con eses axentes, a lóxica económica nunca vai provocar que a porcentaxe de crecemento económico necesario para de novo crear emprego –un 2 por cento cando menos– medre da noite para a mañá desde o raquítico 0,8 por cento actual. Esa frustración e os novos e duros recortes que se aveciñan, pois que descaratan a suba de impostos e nada din do máis ca imprescindible revolcón fiscal, ateigarán de protestas sociais a lexislatura.
En segundo lugar, tanto poder acumulado –goberno de España, case doce gobernos autonómicos, o cincuenta por cento dos concellos e numerosas deputacións, e o control sen apenas control social e político da práctica totalidade das institucións democráticas– coloca ao PP ante a tentación de converter a maioría absoluta en absolutismo. Contando ademais cunha rede de medios de comunicación que absorve máis do 80 por cento das emisións e da prensa con marca conservadora, mesmo de extrema dereita, caer nesa tentación sería poñer a democracia a parir, como na película de Polanski, monstros. Finalmente, a cuestión territorial. Tanto Catalunya como Euskadi, aínda non sendo casos homologables, teñen en común ser capaces de manter un espazo xeopolítico e cultural non sometido ás leis polas que se rixe o péndulo español –o bipartidismo, nesta ocasión temporalmente corrixido–. Aínda máis, non só desafían cos seus resultados os movementos tácticos que desde hai algún tempo van encamiñados a recentralizar o Estado. Tamén impoñen unha folla de ruta que Rajoy e o seu goberno terán que afrontar, quéirano ou non, por partida dobre: no Parlamento español e, en cuestión de meses, no Parlamento e nas rúas de Euskadi. O órdago será de campionato.
