Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Os outros custes da crise

Mentres o Goberno, a Xunta, a CEOE, e os partidos sistémicos, poñen o acento nos graves atrancos da banca e do desemprego, dun xeito silandeiro vanse recortando dereitos sociais e laborais, dando folgos aos lucros empresariais. A crise convértese deste xeito nunha oportunidade, dende o punto de vista dos que esperan acumular riqueza e poder aproveitando a desaparición da competencia e a redución dos custes salariais. Esta tendencia reflíctese con toda claridade nos datos que o INE acaba de publicar na Enquisa de Estrutura Salarial do ano 2011, un pouco atrasada, como sempre.
Deste estudo pódense tirar algunhas conclusións interesantes, porque definen tendencias claras. A primeira, que o noso país ten dos salarios máis baixos no Estado español, só por detrás de Estremadura e Canarias, nomeadamente unha media de 19.970 €/ano, fronte aos 26.370 do País Basco e os 25.845 de Madrid.
A segunda, que ese ano, malia que Núñez Feijóo pinte un contexto no que seica Galiza padece menos os rigores da crise, o certo é que os salarios perderon o 1,3% de valor, a porcentaxe de queda máis alta do Estado. A terceira conclusión sería que os salarios baixaron máis para aqueles traballadores e traballadoras que teñen contrato temporal (-1,4%) que os que o teñen fixo (-0,3%).
Neste último caso trátase de medias realizadas para todo o Estado español. Lembremos que no ano 2011 o PIB galego medrou o 0,5% fronte ao decrecemento do -1,3% dos salarios.
Malia que o ano 2011 foi malo, todo apunta a que o 2012 foi moito peor, xa que segundo a enquisa de custes laborais do 4º trimestre, en porcentaxe anual, os salarios baixaron -3,2% no Estado español e o -6,6% na Galiza. Son datos arrepiantes, que ademais desmenten a teoría patronal de que deste xeito vaise xerar emprego. Galiza sempre tivo uns salarios moito máis baixos que aquelas autonomías ou nacionalidades que avanzan monograficamente. En realidade a creación de emprego depende da tecnoloxía, da formación, da investigación, mais tamén do poder político co que se conte. Os datos do INE non deixan lugar a dúbidas sobre que altos salarios e emprego están normalmente asociados.