ERROS NON FORZADOS
Apolítica comparte co tenis a comisión de erros non forzados, é dicir, meteduras de pata que se producen por non definir ben un golpe sen estar en situación de presión. Dito doutro xeito, campos de margaritas nos que se meten sós e que crean desconcerto na cidadanía. Nuns momentos onde o medo deixa a súa marca en cada esquina, cunha prima de risco que superou os 540 puntos, e unha sensación de incertidume que invade ás familias, algún políticos están empeñados en facerse notar, e demostrando que os problemas da xente quedan lonxe do sillón oficial.
Pode non haber cartos para atender a persoas en situación de dificultade; 25.000 dependentes xa avaliados non cobran; pechan comercios; decenas de traballador@s perden o seu posto de traballo e incrementan o horizonte de desesperanza; voltan os anuncios de subas do IVE e outras lindezas para darlle de comer aos mercados…
Coa que está caendo e os concellos nin reducen gastos en festas e comidas diversas, nin poñen sentidiño nas propostas demagóxicas. Exemplo: un alcalde (do PP) quere facerlle unha estatua a Fraga en bronce e a tamaño natural. Di que fixo moito. A oposición non sabe nada. Uns 20.000 euros que seguro terían mellores destinos. Erros non forzados. ¡Que lles vou dicir! Xa non é o custe é o atrevemento, a burla, o abuso…
