O Día da Patria Galega
Este vinte e cinco de xullo unha morea de galegos e galegas, en moitas partes do mundo, de xeito ben distinto, mais co mesmo sentimento de pertenza a unha antiga nación, celebrarán o Día da Patria Galega, Día Nacional de Galiza ou Día de Galiza. Mais neste intre, esta conmemoración está marcada por dous feitos importantes, que con seguridade estarán presentes nos discursos.
Por unha banda, a grave crise social e laboral e o retallo dos dereitos democráticos, e por outro lado, a convocatoria do referendo de autodeterminación en Cataluña. Ambos temas están intimamente relacionados, porque a crise, en realidade un duro axuste económico, estase a facer en prexuízo das maiorías sociais e das nacións que carecen de poder político.
Para poder avanzar nesta concentración do poder e da riqueza, ademais dos mecanismos de control económico e da redución dos dereitos laborais e das prestacións esenciais, as clases dominantes centralizan competencias e homoxeneizan os comportamentos e culturas para estender mercados funcionais ás corporacións.
Por esta razón o debate en Escocia e Cataluña, mesmo partindo da defensa da identidade colectiva, e do dereito a decidir, está centrado especialmente no que ten de positivo ou non para a economía e os dereitos sociais a plena soberanía nacional, nun mundo tan globalizado e ao servizo das políticas neoliberais.
A medida que este duro axuste se vaia completando e se vexan os resultados finais, e as promesas teñan contraste cos feitos, comprobarase que a desigualdade, a precariedade e a exclusión, teñen un carácter estrutural, funcional á actual correlación de forzas entre o capital e o traballo.
Asemade, cada nacionalidade do Estado español terá un novo rol na produción de riqueza, no emprego e nas relacións de poder, que serán funcionais a esta correlación de forzas. Por iso, tamén na Galiza o tempo xoga a prol de que a asociación entre soberanía (nación) e condicións de vida (clase) sexa cada vez máis evidente, co que isto implica na conciencia colectiva, na politización dos conflitos laborais e sociais, na representación institucional, e para acadar a ruptura democrática.
